Inícianse con normalidade as oposicións multisede para o Corpo superior da Xunta de Galicia

As probas desenvólvense simultaneamente en Lugo e Silleda e a porcentaxe de participación é do 58%

Pola tarde celebraranse en Silleda os exames para o grupo A1 de Medicina e para o A1 de Bioloxía

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2021

A Xunta vén de iniciar con normalidade as oposicións multisede para o ingreso no grupo A1 do Corpo superior/Titulado superior da Administración autonómica. A porcentaxe de participación nos exames que se celebran de xeito simultáneo no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda e no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, é do 58%. A estas probas estaban convocados un total de 1.604 aspirantes dos que finalmente se presentaron 927.

As probas desenvólvense con todas as garantías sanitarias logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

A continuación, pola tarde ás 16,30 h realizaranse en Silleda os exames para 39 prazas do grupo A1 Medicina/I Médico con 95 aspirantes convocados; e para 31 prazas do grupo A1 Bioloxía con 666 persoas convocadas.

Probas con garantías sanitarias e operativo de seguridade

Para a celebración dos exames estase a seguir un protocolo avalado polas autoridades sanitarias que establece que as persoas aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e que deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade.

Proporciónase a todos os aspirantes unha máscara que é de uso obrigatorio durante todo o proceso. Tamén é obrigatorio o emprego de xel hidroalcohólico; os obxectos persoais dos participantes deben ser os mínimos imprescindibles; e non se pode compartir material.

Ademais, ventílanse os pavillóns e mantéñense as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable. No interior dos pavillóns, a distancia de seguridade entre os opositores é de entre catro e cinco metros.

Un operativo formado por preto de 300 persoas controla que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. Tanto o recinto de Silleda como o de Lugo dispoñen tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/03/2021