A Xunta desenvolve unha fronte común para a loita contra a ciberdelincuencia nas administracións, empresas e cidadanía

Abriuse o prazo, ata o 27 de abril, para a presentación de propostas por parte das empresas que soliciten participar na licitación para a prestación dos servizos de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais mediante un Acordo Marco

O modelo de colaboración pública-privada na loita contra a ciberdelincuencia plásmase no nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, no que participan a Xunta, as catro deputacións, os concellos a través da FEGAMP, o Goberno central e outras institucións públicas e privadas

A actividade de prevención e loita contra este tipo de delitos concentrarase no Centro de Ciberseguridade de Galicia, que este ano comeza a ser construido na cidade da Cultura

A Xunta reforzou as medidas para garantir a seguridade nos entornos dixitais no novo contexto de incremento no uso das tecnoloxías por mor da pandemia con investimentos que superan os 12 millóns de euros nos vindeiros tres anos

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2021

A sinatura dos contratos que garantan a prestación de servizos de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos; o desenvolvemento do modelo de colaboración público-privada iniciado coa creación do nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal; a inminente construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia, e iniciativas para concienciar á cidadanía, forman parte do esquema de colaboración e reforzo co que a Xunta de Galicia afronta os retos de seguridade asociados á tranformación dixital da sociedade.

Ata o día 27 de abril está aberto o prazo de presentación de propostas para centralizar a prestación dos servizos de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos en Galicia. Farase a través do Acordo Marco aprobado polo Consello de Goberno da Xunta o pasado 11 de marzo. O contrato terá un límite de gasto de 8,26 millóns de euros e permitirá dispoñer deste tipo de servizos no ámbito das administracións públicas: os concellos, as catro deputacións, a Xunta e as universidades. Tamén permitirá prestar os servizos aos órganos estatutarios e á cidadanía e empresas, fundamentalmente PEMEs e autónomos. Ten unha duración inicial de dous anos, que poderán ser ampliados dous máis ata agotar o límite de gasto.

Os servizos divídense en catro lotes: servizos básicos, goberno e xestión da seguridade da información; revisións técnicas para a mellora da seguridade; revisións normativas para a mellora da seguridade e auditorías de certificación de conformidade co ENS por parte de entidade acreditada. Cada un deles poderá ser prestado por unha empresa diferente, polo que os adxudicatarios do Acordo Marco serán un máximo de catro.

Centro de Resposta a Incidentes e Nodo Galego de Ciberseguridade

A Xunta ten xa centralizada a mitigación do impacto dos incidentes de seguridade no ámbito da Administración autonómica no Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade (CSIRT.gal), que funciona dende 2018. O novo contrato permitirá ampliar a prestación de servizos de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos ao resto das administracións e a entidades privadas.

Esta actuación forma parte dunha fronte común de loita contra os ciberdelitos na que están implicadas todas as administracións públicas, así como empresas e institucións privadas, que se plasmou na creación do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, en 2020, promovido pola Xunta.

Inicialmente, o nodo foi o resultado da sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que actuou en representación da Xunta; o Centro Criptolóxico Nacional (CCN); o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), as catro deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

Na súa segunda fase, que é na que se atopa na actualidade, o nodo abriuse á incorporación doutras entidades públicas ou privadas relacionadas cos ámbitos do coñecemento e a innovación.

CIBER.gal busca, por unha parte, dar resposta á cidadanía, ás empresas e ao sector público en materia de ciberseguridade. Por outra parte, pretende tamén fomentar o talento e a innovación e desenvolver e potenciar a industria da ciberseguridade en Galicia.

Na actualidade, estáse a desenvolver a oficina de apoio ao nodo CIBER.GAL, cun investimento previsto ata 2023 de 280.000 euros.

Centro de Ciberseguridade de Galicia

Tanto os servizos de ciberseguridade de Galicia como a actividade do CSIRT.gal e do CIBER.gal concentraranse no Centro de Ciberseguridade de Galicia, que comezará a erguerse nos vindeiros meses na Cidade da Cultura. Trátase dunha actuación resultado dun convenio asinado pola AMTEGA e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que suporá un investimento en dous anos (2021 e 2022) de 3,2 millóns de euros.

O centro acollerá os servizos de ciberseguridade á administración xeral da Xunta e ao sector público autonómico, así como os destinados a otras administracións, como concellos ou universidades. Tamén proporcionará atención e información á cidadanía, aos autónomos e ás pemes en materia de seguridade nas TIC. Neste sentido, acollerá actividades de concienciación, formación e promoción do talento en ciberseguridade, apoiará a I+D+i e terá un centro demostrador destas tecnoloxías.

As actuacións de reforzo da ciberseguridade para o periodo 2021-2023 complétase coa posta en marcha dunha campaña de concienciación coa CRTVG na que se buscará tamén o fomento das vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Esta actuación terá un investimento de 600.000 euros.

A suma dos investimentos en actuacións de reforzo neste periodo, que inclúen a oficina de apoio ao nodo CIBER.gal, o acordo marco de servizos de ciberseguridade, a construción do centro de ciberseguridade de Galicia e a campaña de concienciación pública, é de 12.028.000 euros.

O aumento de incidentes relacionados coa seguridade é unha tendencia que se mantén nos últimos anos, e que se está a incrementar dun xeito significativo coa extensión de prácticas como o teletraballo, o aumento das operacións de pago electrónico ou o propio crecemento do uso das tecnoloxías no eido persoal. A situación derivada da pandemia está a acelerar esta tendencia. En 2019 rexistráronse en Galicia 22.631 ciberdelitos, o que supuxo un crecemento dun 39,06 por cento con respecto ao ano anterior. Na actualidade, un de cada dez delitos cometidos en España prodúcese no eido dixital.

Galicia dispón dende 2015 dun Plan Director de Seguridade TIC, vixente ata este ano e que terá continuidade nunha nova planificación para o periodo 2022-2027. No ámbito estatal, o Consello de Seguridade Nacional aprobou en 2019 a Estratexia Nacional de Ciberseguridade. No ámbito europeo, está en marcha o Programa Europa Dixital que prioriza os investimentos nestas tecnoloxías no Marco Financieiro Plurianual 2021-2027. O investimento previsto en ciberseguridade e confianza no programa Europa Dixital da UE é de 1.600 millóns de euros, aos que haberá que sumar a inxección programada no Plan Europeo de Recuperación. Neste caso, as tecnoloxías, incluída a ciberseguridade, recibirán un 20 por cento do investimento total.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/03/2021