A Xunta reforza a colaboración e coordinación en materia de incendios forestais coa Unidade Militar de Emerxencias

O director xeral de Defensa do Monte mantivo unha xuntanza de traballo co tenente coronel de infantería do V Batallón de Intervención en Emerxencias da UME

O responsable militar expuxo ao representante de Medio Rural os medios e capacidade de despregamento do devandito batallón

Estudarase a posibilidade de que a UME participe nas queimas prescritas -antes do inicio da tempada de alto risco- a efectos de adestramento conxunto en materia de prevención do persoal de ambas organizacións

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2021

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantivo un encontro de traballo co tenente coronel de infantería do V Batallón de Intervención en Emerxencias da Unidade Militar de Emerxencias (UME), José Alberto Barja, para reforzar a colaboración e coordinación en materia de incendios forestais. Na xuntanza, na que o responsable militar expuxo aos representantes de Medio Rural os medios e capacidade de despregamento do devandito batallón, tamén estivo o subdirector xeral do Servizo de Extinción, Fernando Veiga, entre outros.

No encontro, Manuel Rodríguez destacou a importancia das queimas prescritas que realiza o persoal do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (SPDCIF) e a posibilidade de que a UME participe na realización destas queimas -antes do comezo da tempada de alto risco- a efectos de adestramento conxunto en materia de prevención do persoal de ambas organizacións.

Neste senso, o representante do Goberno autonómico manifestou que grazas a estas prácticas redúcese a carga de combustible forestal, ao eliminar formacións arbustivas de maneira selectiva, e protéxense os contornos poboacionais ante a posible propagación de incendios forestais.

Ademais, para reforzar esta colaboración, non só en materia de prevención senón tamén na parte de extinción, o director xeral solicitoulle ao tenente coronel impartir por parte deste Batallón V charlas informativas ao persoal dos centros provinciais para explicar as capacidades e procedementos de intervención das unidades do BIEM V nos incendios forestais, co fin de unir sinerxías e mellorar a coordinación en materia de extinción.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 27/03/2021