Finalizan con normalidade as oposicións multisede para 305 prazas de auxiliares de enfermería cunha participación do 55,3%

As probas desenvolvéronse simultaneamente e en dúas quendas sucesivas en Silleda, Lugo e Ourense

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2021

A Xunta vén de finalizar con normalidade as oposicións multisede para 305 prazas do grupo C2 Auxiliares de enfermería. A estas probas estaban convocados un total de 3.583 aspirantes dos que finalmente se presentaron 1.980, polo que a porcentaxe de participación foi do 55,3%.

Os exames celebráronse de xeito simultáneo e en dúas quendas sucesivas no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e no recinto da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense.

A Xunta reanudou neste mes de marzo os exames de oposicións con todas as garantías sanitarias logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos de actuación que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Probas con garantías sanitarias e operativo de seguridade

As probas desenvolvéronse con total seguridade e baixo un protocolo que establece que as persoas aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia) e presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e que deben gardar en todo momento a distancia de seguridade.

Proporciónase a todos os aspirantes unha máscara de uso obrigatorio durante todo o proceso. Tamén é obrigatorio o emprego de xel hidroalcohólico; os obxectos persoais dos participantes teñen que ser os mínimos imprescindibles; e non se pode compartir material. No interior dos pavillóns, a distancia de seguridade entre os opositores é de entre catro e cinco metros.

Un operativo formado por preto de 300 persoas controlou que todos os procesos selectivos se desenvolvesen de xeito correcto e con total seguridade. Tanto o recinto de Silleda como o de Lugo e Ourense, contaron tamén cunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/03/2021