Trenor destaca o investimento na comarca da Coruña de máis de 710.000 euros en 5 proxectos de pemes de transformación de produtos do mar para mellorar as súas instalacións en 2020

Esta orde de axudas ten como obxectivo apoiar investimentos das pemes que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene e as condicións de traballo, entre outros aspectos

A Coruña, 30 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá Frigoríficos Botana, unha das empresas beneficiada pola orde de axudas destinadas á mellora das instalacións en pemes de transformación de produtos do mar. O delegado da Xunta destacou que na comarca da Coruña recibiron no 2020 estas achegas 5 proxectos que contaron con axudas por valor de máis de 710.000 euros, nos concellos da Coruña, Bergondo e Cambre.

Trenor informou de que esta orde tivo como obxectivo apoiar os proxectos que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poida destinar ao consumo humano.

Ademais son obxecto de subvención aquelas actuacións relacionadas coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como as que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros.

Convocatoria 2021

Trenor tamén informou que a Xunta destina 16 millóns de euros á convocatoria de axudas para o 2021, que pechou o seu prazo o pasado 1 de febreiro, para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura. Deles, seis millóns de euros son para a anualidade 2021 e a cantidade restante, 10 millóns de euros, para a anualidade 2022. A través destas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), apoiaranse ata o 50% dos investimentos que fagan as pemes que fomenten a sustentabilidade ambiental.

Trenor destacou que este ano presentaron a súa solicitude para optar a estas axudas 26 empresas da provincia da Coruña..

Nesta orde volven ser obxecto destas axudas os proxectos que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poidan destinar ao consumo humano. Tamén son subvencionables aquelas actuacións relacionadas coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como as que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros.

Noutras convocatorias a través destas achegas, subvencionáronse, entre outros proxectos, algúns relacionados coa posta en marcha de industrias de procesado de peixe, con equipamentos para a mellora dos procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos, coa mellora no tratamento de residuos e o aforro enerxético.

Anexo: Táboa coa relación de proxectos aprobados da comarca da Coruña na convocatoria de 2020


Solicitante
Concello
Título proxecto
Importe axuda total

Pescados y Mariscos del Noroeste, S.L.

A Coruña

Lanzamento de novos produtos, mellora de procesos e das condicións hixiénico-sanitarias

8.883,21

Frigorífica Botana, S.L.

A Coruña

Proxecto de melloras tecnolóxicas en industria de procesado de pescado

15.938,04
Carranco, S.L.
A Coruña

Proxecto de mellora da conxelación de peláxicos en Frigoríficos Atunice-Carranco, S.L.

578.779,69
Bacalaos Alimar, S.L.
Bergondo

Nova liña de produtos, novos procesos

78.200,11

Novas y Mar Especialidades, S.L.

Cambre

Modernización de industria de tratamento de produtos de pesca

28.518,09
TOTAL
  

710.319,14€

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/03/2021