O conselleiro do Medio Rural reuniuse co alcalde deste municipio ourensán para coñecer as necesidades dos seus veciños
A Xunta destina case 90.000 € a mellorar as infraestruturas rurais do Concello do Bolo

No encontro puxéronse de relevo os traballos subvencionados polo Goberno galego nas últimas convocatorias do PIR e do Plan Marco por un valor próximo aos 55.000 euros, así como outros case 34.000 euros consignados este ano

Na reunión tamén se avaliou a posibilidade de promover na localidade diversos instrumentos de mobilización, ao abeiro da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en tramitación parlamentaria

Canto á anticipación aos incendios forestais, tratáronse tanto os traballos preventivos que se están a levar a cabo na contorna como a limpeza de faixas secundarias ao abeiro do convenio de protección das aldeas
 

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2021

A Xunta destina case 90.000 euros a mellorar as infraestruturas rurais do concello do Bolo. Así se puxo de manifesto na xuntanza que mantiveron o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde deste municipio ourensán, Manuel Corzo.

Deste xeito, a reunión serviu para poñer de relevo os traballos de limpeza e restauración da senda da Falcoeira que se están a executar ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) de 2020 por un importe próximo aos 29.000 euros, así como os máis de 25.000 euros concedidos na pasada edición do Plan de mellora de camiños municipais para o mantemento da vía de Entrambas Augas. A maiores, cómpre sinalar que na presente convocatoria do Plan Marco O Bolo ten asignados preto de 34.000 euros máis.

No referente á posta en produción de parcelas abandonadas ou en estado de infrautilización, no encontro tratouse a posibilidade de promover no Bolo distintos instrumentos de mobilización, ao abeiro da futura Lei para a recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en tramitación no Parlamento. Nesa liña, José González apuntou como principal obxectivo o de impulsar a xeración de riqueza no rural a través de figuras como os polígonos agrarios, as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta.

Cómpre sinalar que na xuntanza tamén participaron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez. Este último comprometeuse a visitar o municipio nos vindeiros días para comprobar o avance dos traballos preventivos que se están a levar a cabo na contorna e para facer seguimento dos labores desenvolvidos ao abeiro do convenio de protección das aldeas para xestionar a biomasa nas faixas secundarias, as máis próximas ás vivendas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/04/2021