A Xunta e o Goberno central colaborarán en materia cartográfica e xeográfica para garantir o acceso á información e uns criterios homoxéneos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Consello Superior Xeográfico renovan a integración de Galicia no Sistema Cartográfico Nacional

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2021-

A Xunta de Galicia e o Goberno central colaborarán en materia de cartografía e información xeográfica para canalizar a produción, mantemento e difusión do seu traballo relacionado con este ámbito. A tal fin, as dúas administracións acaban de asinar o correspondente convenio marco no que se recolle a integración da Comunidade galega no Sistema Cartográfico Nacional, ao tempo que se establece un espazo de colaboración entre ambas en materia de información xeográfica.

Cómpre lembrar que Galicia se integrou por primeira vez no Sistema Cartográfico Nacional no ano 2010, mediante a subscrición do correspondente convenio. Este instrumento constitúese como o marco de colaboración entre as comunidades autónomas e a Administración Xeral do Estado en materia de cartografía e información xeográfica.

O novo documento de adhesión foi asinado hai uns días pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que ostenta as competencias en materia de información xerográfica a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), e polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cuxo subsecretario é o presidente do Consello Superior Xeográfico.

Entre os principais obxectivos dos traballos de produción, mantemento e difusión de información xeográfica nos que colaboren ambas administracións cómpre subliñar o de garantir a homoxeneidade de toda esta información para asegurar así a súa coherencia, continuidade e interoperabilidade con independencia de que institución a elabore.

Tamén se busca favorecer a eficiencia no gasto público destinado á cartografía e aos sistemas de información xeográfica, evitando a dispersión e a duplicidade dos recursos públicos utilizados e promovendo a cooperación entre institucións, asegurar a dispoñibilidade pública e a actualización da información xeográfica e cartográfica, así como garantir a calidade da produción oficial deste tipo de material e a súa utilidade como servizo público, facilitando o seu acceso.

Proxectos con moitas aplicacións

Entre os programas e plans elaborados baixo o marco do Sistema Cartográfico Nacional figuran proxectos tan empregados e con múltiples aplicacións prácticas como o PNOA, para a elaboración de ortofotografías aéreas de todo o territorio; o SIOSE, que elabora desde 2005 a cartografía de coberturas e usos do solo; ou os traballos de Información Xeográfica de Referencia, que permiten a harmonización da información correspondente á rede hidrográfica, ás poboacións e ás redes de transportes.

Todo isto se trata dunha información fundamental para a xestión dos territorios e a toma de decisións por parte dos distintos departamentos da Xunta de Galicia.

Ademais, a través do Sistema Cartográfico Nacional coordínanse proxectos transversais como a Infraestrutura de Información Xeográfica, o Rexistro Cartográfico e o Equipamento Xeográfico de Referencia. A colaboración institucional entre o Estado e as comunidades autónomas permite afrontar estes grandes proxectos cunha metodoloxía común, un orzamento axustado a cada administración e unha política de difusión de datos consensuada.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/04/2021