A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión con membros da asociación de pescadores da Ulloa
Medio Ambiente recorda que as entidades colaboradoras de pesca poden solicitar axudas para as tarefas de vixilancia nos ríos

Ángeles Vázquez lembra que o DOG publicou o 22 de marzo a nova orde, coa que tamén se subvencionan actividades de carácter divulgativo e formativo

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou que as entidades colaboradoras de pesca xa poden solicitar as axudas para levar a cabo tarefas de vixilancia nos ríos.

A responsable de Medio Ambiente mantivo unha reunión con membros da asociación de pescadores da Ulloa, aos que lles recordou que o Diario Oficial de Galicia publicou a orde de axudas o pasado 22 de marzo por un importe de 80.000 euros que recolle a posibilidade de conceder incentivos para actividades e investimentos de fomento da riqueza piscícola, así como accións de carácter divulgativo e formativo.

Defendeu que o traballo que realizan os pescadores é un labor fundamental para o coidado e posta en valor dos ríos, polo que agradeceu a súa implicación e animounos a solicitar unha a axuda prevista na nova convocatoria e seguir impulsando actividades de vixilancia dos tramos de pesca fluvial, e as actividades divulgativas ou formativas, tanto presenciais como telemáticas. As entidades interesadas, segundo explicou a conselleira, dispoñen dun prazo de algo menos dun mes para poder presentar as súas solicitudes.

Escolas de río

A conselleira tamén coñeceu un proxecto desta asociación para impulsar a creación dunha escola de río. Recordou que é unha ferramenta recollida na Lei de pesca continental, que entrou en vigor a comezos de febreiro, coa que procurar a remuda xeracional dun sector no que a idade media se sitúa entre os 50 e os 70 anos.

Vázquez Mejuto trasladou o apoio e colaboración con este tipo de iniciativas para implicar ás xeración máis novas nesta práctica deportiva.
 

Data de actualización: 03/04/2021