Aberto o prazo para presentar candidaturas para a segunda edición dos premios Talento Mozo da Xunta

Premiaranse as mellores candidaturas nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa, e Cultura e Creación, cunha dotación de 5000 euros por categoría

O prazo para presentar candidaturas estará habilitado ata o 30 de abril
 

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2021

A Consellería de Política Social abre unha nova convocatoria dos premios Talento Mozo para recoñecer traxectorias excelentes e proxectos impulsados pola xente nova. Con este certame procúrase dar visibilidade ao enxeño e capacidades da mocidade galega en cinco modalidades: Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e creación.

Esta é a segunda edición destes galardóns, nos que a Xunta de Galicia premiará as mellores candidaturas cunha dotación económica de 5000 euros por categoría. O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e pechará o día 30 de abril.

Tal e como sinala a convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia, os requisitos son: ter entre 18 e 35 anos, estar domiciliado en Galicia e contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio ao que se concorra. Unha mesma persoa non poderá presentarse como candidata a máis dun epígrafe do premio e os gañadores de edicións anteriores non poderán presentarse en ningunha das modalidades existentes.

Currículo e traxectoria

Ademais, as mozas e mozos que concorran a Talento Mozo terán que xuntar co impreso de solicitude unha memoria descritiva do proxecto ou traxectoria coa que optan ao premio, o seu currículo e documentación oficial acreditativa dos méritos alegados. Tamén poderán achegar outra documentación que consideren relevante, como apoios á candidatura, publicacións ou fotografías, entre outras.
 

Primeira edición

Cómpre recordar que a primeira parte do Programa Talento Mozo culminou coa entrega dos Premios Talento Mozo. Nesta primeira edición, a Xunta de Galicia recoñeceu a carreira profesional de Christian Vidal Vides na categoría de Ciencia, Paula Rodríguez Villamayor na de Rural, Ana Peleteiro Brión en Deporte, Jorge López Rodríguez no apartado de Empresa e Sara Donoso Calvo na disciplina de Cultura e Creación.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/04/2021