Galicia vacinou preto de 61.500 persoas contra a covid durante a Semana Santa

Delas, 37.000 maiores de 80 anos recibiron a primeira dose de Pfizer e a outras 15.500 administróuselles a segunda

Un 80,3% dos galegos maiores de 80 anos recibiu xa algunha das doses, o que sitúa a nosa comunidade un punto por riba da media española, segundo os datos do Ministerio de Sanidade
 

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2021

A Consellería de Sanidade vacinou contra a covid-19 durante esta Semana Santa a unhas 61.500 persoas, a meirande parte delas maiores de 80 anos. Dentro deste grupo etario administrouse nestes días a primeira dose a 37.000 persoas, mentres que outras 15.500 recibiron a segunda dose.

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade a día de hoxe, ata o momento un 80,3 % dos galegos maiores de 80 anos recibiron algunha das doses de Pfizer pautadas para este grupo de poboación. Estas cifras sitúan a Galicia un punto por riba da media española.

Ademais, outras 9.000 persoas recibiron a vacina de AstraZeneca durante os días festivos de Semana Santa.

No día de hoxe recibíronse en Galicia 105.300 doses de Pfizer.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 05/04/2021