A Xunta e Cermi inciden na igualdade laboral e no reforzo dos dereitos das traballadoras con discapacidade
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro de traballo con Ana Peláez, vicepresidenta da Fundación Cermi Mujeres, na que puxeron en común iniciativas nos seus respectivos ámbitos para o fomento da igualdade de xénero no eido laboral das mulleres con discapacidade.

A secretaria xeral incidiu na aposta da Xunta pola visibilización e empoderamento da muller con discapacidade, con especial atención á información, orientación, accesibilidade e fomento da autonomía persoal. Tal e como destacou, cómpre sensibilizar e concienciar sobre a realidade deste colectivo especialmente vulnerable pola dobre discriminación que afrontan as súas integrantes na súa condición de mulleres e de persoas con discapacidade.

Xunta e Cermi converxen na necesidade de desenvolver actuacións que poñan no foco nestas mulleres con discapacidade, ante as dificultades que presentan no seu acceso ao emprego. Neste sentido destacaron a necesaria atención para remover os obstáculos que enfrontan as mulleres con discapacidade e de abordar de xeito decidido o acceso, permanencia e promoción ao mercado laboral destas persoas e cara ao recoñecemento dos seus dereitos como traballadoras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/04/2021