Feijóo destaca a capacidade do autogoberno para resolver problemas reais, unir ás persoas, tender pontes con outros pobos e facer da autonomía galega unha ferramenta de presente e de futuro

Salienta que nestes días de loita por superar a pandemia e as súas secuelas, unha vez máis, Galicia está a demostrar que é quen de afrontar o gran desafío e superalo coa unidade e a responsabilidade do seu pobo

Recorda que a Xeración Nós elabora no seu muíño ideolóxico ideas motrices que seguen alimentando o autogoberno e que o moven en dirección de avance, nunca de retroceso
 

Santiago de Compostela, 6 abril de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a capacidade do autogoberno para resolver problemas reais, para unir ás persoas, para tender pontes con outros pobos e para facer da autonomía galega unha ferramenta de presente e de futuro.

Durante o acto de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia de 2021 ás fundacións herdeiras da Xeración Nós, Feijóo salientou que nestes días de loita por superar a pandemia e as súas secuelas, unha vez máis, Galicia está a demostrar que é quen de afrontar o gran desafío e superalo coa unidade e a responsabilidade do seu pobo.

“Neste tempo o autogoberno amosou ser un marco útil para a resolución de problemas inéditos na nosa Historia. Foi un marco institucional estable cando só había inestabilidade, e tamén foi rostros. Os rostros dos traballadores públicos que na sanidade, na educación e noutros moitos servizos da autonomía antepuxeron de novo o Nós ao eu”, aseverou.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta referiuse ao Estatuto de Autonomía como un monumento galego feito de palabras que nos unen, subliñando que Galicia non sería o que é hoxe sen o traballo e o esforzo daqueles devanceiros a quen premia o Parlamento. “A Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Castelao, a Fundación Antón Losada Diéguez e a Fundación Vicente Risco, inmortalizan nomes senlleiros da Xeración Nós, despregando un traballo do que toda Galicia se beneficia”, dixo, recordando que a Xeración Nós elabora no seu muíño ideolóxico ideas motrices que seguen alimentando o autogoberno e que o moven en dirección de avance, nunca de retroceso.

Feijóo incidiu en que, desde a súa acta fundacional, a Xeración Nós preocúpase por proclamar que non exclúe a ninguén, porque non se trata dun “club elitista situado no Olimpo”, senón de intelectuais cun fondo de arraigo popular que acoden ao pobo coa modestia necesaria para aprender. “O que aprenden é tolerancia e unidade”, afirmou, asegurando que o mesmo sucede co Parlamento galego, que sabe acoller e acubillar distintas ideoloxías e distintos xeitos de pensar, facendo da discrepancia un elemento enriquecedor a través do diálogo.

Sobre este punto, aseverou que é unha magoa que non todos entendan que se pode sumar desde a diferenza e prefiran borrarse e apostar pola autoexclusión, en vez de tomar exemplo dos persoeiros que hoxe honra a Cámara galega. “Todos cabemos dentro dun mesmo soño común que é Galicia e iso sabíao a Xeración Nós e sábeno a maioría dos galegos”, concluíu, considerando que esta operou entón “como un incipiente Parlamento no que o máis requintado da intelectualidade galega aprende a acordar e a disentir”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/04/2021