A Xunta inicia as obras de acondicionamento do edificio do servizo de mobilidade na Coruña cun investimento de preto de 500.000 euros

O obxectivo é mellorar as condicións de traballo dos 30 empregados do Servizo provincial de Mobilidade, así como a atención aos cidadáns que acoden ás instalacións a realizar xestións

A intervención conta cun prazo de execución de 6 meses, polo que as obras estarán rematadas este mesmo ano
 

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de iniciar as obras de acondicionamento do edificio do Servizo da Mobilidade na Coruña, que suporá un investimento autonómico de preto de 500.000 euros.

A intervención foi adxudicada á empresa Proyecon Galicia S.A. e conta cun prazo de execución de 6 meses, polo que estará rematada este mesmo ano.

Con esta actuación a Xunta persegue a mellora das condicións de traballo dos 30 empregados do Servizo provincial de Mobilidade, así como a atención aos cidadáns que se desprazan ás instalacións a realizar xestións.

Os traballos de acondicionamento do edificio do servizo de Mobilidade na Coruña incluirán a reparación da estrutura de formigón, o tratamento dos perfís de aceiro na fachada, a mellora da rede de pluviais e da instalación eléctrica.

Tamén se realizarán actuacións de illamento para solucionar os problemas de humidades que se veñen producindo por mor da condensación.

A intervención inclúe a substitución de todas as ventás do edificio, así como a colocación de 36 radiadores térmicos cerámicos.

Os falsos teitos que presenten carencias serán demolidos e substituídos por unhas estruturas novas de escaiola.

No que se refire á mellora da accesibilidade, transformarase o actual montacargas nun ascensor. Ademais, substituirase a porta da entrada por outra nova con follas asimétricas que facilite o paso de persoas con mobilidade reducida.

De xeito complementario, executaranse obras menores en materia de electricidade e fontanería nos aseos. Así, arranxaranse os sistemas de secado de mans ou os interruptores e reporanse billas, chaves de paso ou cisternas.

O proxecto prevé o pintado xeral do interior do edificio, especialmente nas zonas afectadas polas obras.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/04/2021