A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro respondeu a unha pregunta na Comisión 8ª
Galicia impulsa a recollida activa e redución do lixo mariño a través do Plan Marlimpo

Esta iniciativa está ligada ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e busca contribuír a reducir a cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras e mellorar a concienciación e colaboración entre os actores marítimo-pesqueiros

O proxecto europeo CleanAtlantic, no que participa a Xunta, ten como fin mellorar as capacidades para previr, facer seguimento e reducir o lixo mariño na zona do Atlántico e aumentar a sensibilización entre os axentes marítimos

A directora xeral sinalou que todo este traballo concorda co que busca o Parlamento Europeo e que pasa por apoiar o desenvolvemento da economía circular na pesca e na acuicultura e promover unha recollida eficaz do lixo

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego o labor da Xunta e a súa participación en distintas iniciativas destinadas a loitar contra o lixo mariño. Unha delas é o Plan Marlimpo, unha iniciativa do Executivo galego ligada ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca que busca, entre outros aspectos, contribuír a reducir a cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras e mellorar a concienciación e colaboración entre os actores marítimo-pesqueiros na loita contra o lixo mariño.

De feito, neste plan enmárcanse os proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar financiados pola Consellería do Mar co FEMP. Así o explicou en resposta a unha pregunta sobre un informe do Parlamento Europeo en relación ao impacto do lixo mariño na pesca no que se recoñece ao Plan Marlimpo e ao o proxecto europeo CleanAtlantic, no que participa Galicia, como exemplos de boas prácticas na loita contra o lixo mariño. Este recoñecemento, valorou a directora xeral, “é un aliciente máis para seguir traballando e nesa liña imos estar”.

En relación ás achegas que forman parte do Plan Marlimpo, Susana Rodríguez explicou que a Consellería do Mar destina un orzamento de 980.000 euros á convocatoria deste ano, publicada a comezos de febreiro no Diario Oficial de Galicia. Estas subvencións teñen como posibles beneficiarios as confrarías de pescadores e demais entidades asociativas do sector, as organizacións non gobernamentais (ONG) xunto ás entidades do sector ou as ONG da man dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

Estas axudas, que se convocan por segundo ano, permiten financiar entre 2021 e 2022 accións de recollida no mar de artes de pesca e residuos, a compra e instalación de equipamentos para a recollida e almacenaxe de lixo mariño, a creación de sistemas de recollida de residuos ou a comunicación, información e campañas de sensibilización así como a formación neste eido.

En canto ao proxecto europeo CleanAtlantic, coordinado pola Xunta a través do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), a directora xeral expuxo que ten como obxectivo mellorar as capacidades para previr, facer seguimento e reducir o lixo mariño na zona do Atlántico e aumentar a sensibilización entre os actores marítimos a través da cooperación rexional.

Neste sentido, a representante da Consellería do Mar sinalou que todo este traballo concorda co que busca o Parlamento Europeo e que pasa por apoiar o desenvolvemento da economía circular na pesca e na acuicultura e promover unha recollida eficaz do lixo mariño.

Outros proxectos nos que participou o Executivo galego e que destacou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro son ML Style, de valorización de lixos mariños e residuos inorgánicos para a industria téxtil, e Nada pola borda, que se desenvolveu hai dez anos e que contou coa colaboración do sector pesqueiro e portuario para a recollida e caracterización do lixo mariño.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/04/2021