A Xunta amplía ata o 5 de maio o prazo para solicitar as axudas para accións silvícolas de prevención e para o incremento do valor ecolóxico dos montes galegos

As achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ascenden aos 13 millóns de euros

Coa convocatoria, prevese chegar a máis de 500 beneficiarios e actuar sobre unhas 7.000 hectáreas de superficie

Darase prioridade ás accións en montes nos que existan masas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas de Galicia
 

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía ata o 5 de maio o prazo de presentación de solicitudes para acceder aos 13 millóns de euros convocados en axudas para levar a cabo accións silvícolas nos montes galegos. Por unha banda, quérese incidir na prevención dos danos causados polos incendios ou desastres naturais, e por outra, incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais da comunidade.

Estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, constan de dúas liñas de actuación. A primeira busca promover prácticas como rozas, desmestas, rareos e podas co obxectivo de previr os incendios. Neste caso, conta cun orzamento de nove millóns de euros.

A segunda liña de actuación, para a que hai un orzamento de catro millóns de euros, persegue incrementar os valores ecolóxicos dos montes que non teñan carácter produtivo a través de rareos, desmestas, podas ou rozas, pero tamén de plantacións puntuais de determinadas árbores.

Entre as novidades, ao abeiro desta convocatoria darase prioridade a todas aquelas solicitudes referidas a actuacións en montes nos que existan masas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas de Galicia.

Ademais, co fin de ir axustando as diferentes accións a desenvolver pola Xunta respecto ao monte galego e en cumprimento dos obxectivos que se formulan na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 "Cara á neutralidade carbónica", nas liñas de fomento incluídas nesta orde séguense obxectivos e liñas de actuación previstos dentro do propio Plan relativos aos servizos ecosistémicos, á conservación da biodiversidade das masas e á xestión forestal sustentable e activa coa mobilización e co incremento da produtividade dos recursos forestais galegos, reforzando deste xeito a silvicultura nas masas de coníferas e, especialmente, nas masas de frondosas caducifolias.

Con esta orde, a Consellería do Medio Rural prevé chegar a máis de 500 beneficiarios e actuar sobre unhas 7.000 hectáreas de superficie. Trátase da sexta convocatoria de axudas e, ata o de agora, destináronse preto de 57 millóns de euros a 2.228 beneficiarios, o que conlevou actuacións en máis de 31.600 hectáreas de superficie.

Os beneficiarios destas achegas poden ser sociedades de fomento forestal (Sofor), propietarios particulares, agrupacións de propietarios inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta, cooperativas agrarias e proindivisos. Tamén poden solicitar as axudas os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.


O enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210407/AnuncioG0426-250321-0003_gl.html
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 07/04/2021