A Xunta colabora co concello de Carballo no fomento das actuacións de formación para o emprego, claves cara á reactivación económica

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou hoxe as dependencias do centro formativo municipal Fórum Carballo

A Xunta vén de colaborar co Concello de Carballo no desenvolvemento dun obradoiro de emprego no que participaron doce mozos

Lado avogou por reforzar a cualificación para mellorar ocupación nos sectores máis competitivos e en crecemento da Comunidade

O municipio carballés solicitou dúas accións formativas na actual convocatoria 2021-2022 que se está a tramitar coas que aspira chegar a 32 alumnos
 

Carballo (A Coruña), 7 de abril de 2021

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou hoxe as dependencias do Fórum Carballo, un complexo municipal que traballa na formación e a dinamización do emprego desta localidade e de toda a Costa da Morte.

Acompañada polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a directora xeral percorreu as dependencias do Fórum, do que destacou o seu papel referente na prestación de servizos á veciñanza ao desenvolver unha das prioridades da Administración galega, “a de facilitar a formación da poboación na busca activa de emprego”. “O proxecto Fórum Carballo integra todas as pezas do armazón que compón a xestión das accións formativas e a posta en marcha dos seus recursos nun único espazo”, recalcou Lado.

A Xunta de feito vén de desenvolver un obradoiro de garantía xuvenil focalizado na poboación máis nova, e que rematou en marzo de 2020, sobre Carpintaría da musealización do edificio Museo de Bergantiños. Contou con 12 participantes e cunha inversión de algo máis de 135.000 euros.

Tal e como lembrou Zeltia Lado, o Goberno está a tramitar outras dúas solicitudes presentadas polo Concello de Carballo para a presente convocatoria 2021-2022: o obradoiro de Garantía Xuvenil Carballo entre fogóns, tamén dirixido a 12 persoas de alumnado e o obradoiro dual Carballo coida para 20 alumnos.

A directora xeral lembrou que o actual contexto socioeconómico esixe dar respostas a milleiros de galegos están a sufrir a pandemia. Neste sentido avogou pola necesidade de reforzar a dirección, a orientación e a formación para o emprego “cara as ocupacións profesionais nos sectores máis competitivos e en crecemento, e así construír a mellor Galicia posible para vivir e para traballar, adaptándose aos cambios que necesita o mercado laboral”.

Desde a Xunta, a través do novo Plan Galego de Formación 2021, dotado con 66 millóns de euros, “seguirá a impulsarse a formación dual e flexible, axustada ás necesidades do tecido produtivo e ao cambiante mercado laboral, no que tamén se inclúen, por exemplo, axudas para novas Unidades Formativas nas Empresas”, comprometeu a directora xeral.

Zeltia Lado ofreceu ao alcalde carballés camiñar xuntos “porque a formación vai a ser uns dos piares da recuperación económica do mundo, de España, pero tamén de Galicia, e temos que desenvolver políticas públicas en favor da reactivación do emprego para reciclar ás persoas que foron expulsadas á forza e como consecuencia do Covid-19 do mercado laboral”; sen esquecer, tal e como matizou, ás persoas traballadoras “que aínda estando en situación laboral activa, desenvolvan especialidades en condicións cambiantes”, así como a os nosos mozos e mozas.

“A cualificación permítelle á persoa elixir, comprender e adaptarse a un mercado laboral cada vez máis competitivo e global”, concluíu a representante da Xunta.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/04/2021