A Xunta proporá que os exames de recuperación de ESO e 1º de bacharelato se realicen no mes de xuño a partir do curso 2021/2022

A Consellería de Educación someterá este cambio no calendario escolar do vindeiro curso aos sindicatos na mesa sectorial

A Xunta Autonómica de Directores é partidaria desta modificación, que seguiría o exemplo do sistema instaurado en 2º de Bacharelato desde 2018

O obxectivo é favorecer que o alumnado teña máis posibilidades de recuperación ao ter más recentes os contidos, e que as familias e os centros organicen con máis facilidade o seguinte curso escolar

A modificación non se aplicará aínda este curso 2020/2021

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021

A Xunta de Galicia proporá modificar no curso 2021/2022 as datas dos exames de recuperación do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), 1º de Bacharelato e 1º de FP Básica ao mes de xuño. Así llo trasladará a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ás organizacións sindicais da mesa sectorial a próxima semana, un cambio no calendario escolar que é valorado positivamente por parte da Xunta Autonómica de Directores. Cómpre lembrar que en 2º de Bacharelato as probas extraordinarias xa se realizan nesas datas, por mor da ABAU, desde o curso 2018/2019.

En concreto, o borrador do calendario escolar do curso 2021/2022 prevé que o alumnado de ESO, Bacharelato e primeiro curso de FP Básica realice as probas de recuperación entre o 17 e o 21 de xuño de 2022. Este curso 2020/2021 aínda non haberá modificacións e desenvolverase seguindo o sistema previsto.

Tal e como explica o secretario xeral de Educación, José Luis Mira, “o obxectivo desta modificación é favorecer, principalmente, aos alumnos”, posto que se incrementan as posibilidades de recuperación ao ter más recentes os contidos traballados na aula, e iniciarán o período de descanso xa nos mes de xuño. “Cómpre sinalar que o número de alumnos que superan algunha das materias pendentes na convocatoria de setembro é moi reducido”, afirma.

Por outra banda, o secretario xeral salienta que esta modificación “beneficiará ás familias, porque os seus fillos quedarán matriculados nas ensinanzas que lle corresponda no mes de xuño-xullo, polo tanto, inician as súas vacacións cunha certeza do centro de destino”.

No referido aos propios centros, os equipos directivos van poder rematar antes a organización do vindeiro curso e os docentes coñecerán o seu destino e mesmo o horario que terán no vindeiro curso antes de iniciar o período de vacacións.

Todos estes beneficios combinados permitirán á Administración educativa “adiantar a organización do curso escolar”, de tal forma que o curso 2022-2023 poderá iniciarse antes que en anos anteriores en todas as etapas, “o que facilitará a conciliación da vida laboral das familias coa atención aos seus fillos, xa practicamente desde o inicio do mes de setembro”, destaca o representante da Consellería de Cultura e Educación.

Inicio e fin de curso

A proposta de calendario escolar da Xunta de Galicia para o vindeiro curso 2021/2022 prevé que o curso comece o 8 de setembro de 2021 para o alumnado matriculado en 2º ciclo de infantil, en primaria e en educación especial e rematen o 21 de xuño de 2022; mentres que para os matriculados en ESO, Bacharelato e Formación Profesional o inicio de curso será o 15 de setembro e se prolongará ata o 21 de xuño de 2021.

Nas ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 15 de setembro de 2021 e 30 de xuño de 2022, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.

Así mesmo establécense como períodos de vacacións Nadal (desde o 23 de decembro de 2021 ata o 7 de xaneiro de 2022, ambos inclusive); Entroido (os días 28 de febreiro, 1 e 2 de marzo de 2022) e Semana Santa (desde o 11 ata o 18 de abril de 2021, ambos inclusive). Tampouco serán días lectivos os declarados festas de ámbito estatal e os festivos oficiais da Comunidade Autónoma, así como o Día do Ensino, que se celebrará o 11 de outubro de 2021.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/04/2021