A Xunta propón ao Consello Galego das Mulleres abordar a situación das mulleres ante as TICs desde a perspectiva de xénero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe de xeito virtual o pleno do Consello Galego das Mulleres

Lorenzana propuxo ao Consello a elaboración dunha análise en profundidade que permita dimensionar a fenda de xénero tecnolóxica na Comunidade

Informou a este órgano colexiado da finalización dos traballos da Guía coeducativa que se porá a dispor dos docentes galegos na plataforma Fprofe

O Consello galego das Mulleres incidiu por outra banda na necesidade de elaborar estatísticas reais sobre as mulleres maiores de Galicia
 

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, Maria Jesús Lorenzana, presidiu hoxe en Santiago de Compostela un novo pleno do Consello Galego das Mulleres, que nesta ocasión se celebrou de xeito virtual, onde se propuxo elaborar un estudo detallado do papel das mulleres ante as tecnoloxías da información (TICs) que permita afondar nas fenda tecnolóxica e aportar solucións de capacitación para mellorar a empregabilidade.

O manexo das novas tecnoloxías contribúe ao empoderamento das mulleres, sobre todo nas zonas do rural, tal e como defendeu Lorenzana, que incidiu na idea de que a fenda de xénero segue presente entre as mulleres, a pesares de o acceso á tecnoloxía resulta cada vez máis doado.

Lembrou que a Xunta xa traballa, no marco da Unidade Muller e Ciencia, en situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica e tecnolóxica, con iniciativas que dan coñecer o papel de destacadas referentes nestes ámbitos como o Premio María Josefa Wonenburger ou iniciativas que promoven o encontro entre profesionais das TICs co alumnado galego como Nin+Nin-.

Coñecer a realidade das mulleres fronte ás tecnoloxías, cara a poder deseñar unha folla de ruta que atenda ás súas necesidades de capacitación e coñecementos é o obxecto do estudo que a Consellería de Emprego e Igualdade propuxo hoxe realizar ao Consello Galego das Mulleres.

Unha guía para coeducar

A conselleira deu coñecer, por outra banda, a nova Guía coeducativa que permitirá consolidar nos centros escolares o traballo co alumnado á marxe de roles e estereotipos.

A Xunta promove con este documento a coeducación, a educación baseada no principio de igualdade e afastada de modelos sexistas. Trátase de recoñecer as diferenzas entre homes e mulleres pero se impide que as mesmas orixinen relacións desiguais entre ambos os dous.

Diríxese especificamente ao ámbito do profesorado con propostas de actividades para fomentar a reflexión nas aulas; facilitando ao alumnado recursos para detectar desigualdades e non reproducilas e outorgando chaves para traballar a igualdade tamén na casa.

A guía, de formato electrónico, porase a dispor do profesorado por medio do sistema de xestión da formación do profesorado Fprofe (www.edu.xunta.es/fprofe/) e se fará chegar ás asociacións de nais e pais de alumnos por medio da Confederación de ANPAS CONFAPA Galicia.

Mulleres maiores

No marco do pleno de hoxe, incidiuse, por outra banda, na necesidade de que as estatísticas demográficas presten atención ás mulleres maiores, para poder realizar diagnoses máis efectivas sobre este grupo de poboación. Así, no Consello Galego das Mulleres avogouse por traballar fronte a pobreza que afecta en maior medida ás mulleres de máis idade, especialmente nos sectores de actividade económica máis vencellados co mundo rural.

O Consello Galego das Mulleres (CGM) é un órgano colexiado de carácter consultivo en Galicia. No mesmo están representadas todas as consellerías da Xunta, as asociacións e federacións de mulleres, as organizacións empresariais, as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas e os concellos por medio da Fegamp.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/04/2021