A Xunta inviste case 39.000 euros na rehabilitación e reforma da praza de abastos de Ribadeo

Inés Santé destacou que as instalacións se benefician da convocatoria de Medio Rural que consignou o ano pasado máis de 1,7 millóns de euros para reformar ou rehabilitar os mercados municipais de venda de produtos agroalimentarios

A achega concedida supón cubrir case o 80% do orzamento presentado polo Concello de Ribadeo para levar a cabo as obras
 

Ribadeo (Lugo), 8 de abril de 2021

A Xunta inviste case 39.000 euros na rehabilitación e reforma interior da praza de abastos de Ribadeo. Así o destacou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, que hoxe se desprazou á localidade lucense para comprobar o avance dos traballos de mellora, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Alí, a directora xeral destacou que estas instalacións ribadenses se beneficiaron da convocatoria da Consellería do Medio Rural que consignou o ano pasado máis de 1,7 millóns de euros para reformar ou rehabilitar os mercados municipais galegos de venda de produtos agroalimentarios.

En concreto, a subvención concedida polo Goberno galego supón cubrir case o 80% do orzamento presentado polo Concello de Ribadeo para levar a cabo as obras de rehabilitación e reforma. Grazas á achega, estase a incidir na mellora do pavimento, dos aseos, dos desaugadoiros, da rede de saneamento e da sinalización da praza de abastos, así como na adecuación da iluminación interior.

Cómpre lembrar que as subvencións destinadas aos concellos galegos para que rehabiliten ou reformen os seus mercados municipais convocáronse o ano pasado cun presuposto bianual, que abrangue tamén este 2021. Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o seu obxectivo é potenciar a comercialización de produtos agroalimentarios nos mercados municipais e prazas de abastos, que serven de dinamización económica e social dos territorios.

A convocatoria contempla subvencionar as obras que afecten á estrutura da edificación, a habilitación de espazos de uso común ou instalacións de uso colectivo dentro dos inmobles. Tamén se podía recibir axuda para facer fronte á redacción do proxecto e á dirección de obra.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/04/2021