O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe no acto de entrega de material informático a dúas familias do concello de Leiro

A Xunta sinala a fenda dixital como un dos retos máis importantes que afronta a sociedade no eido da inclusión social

Trátase dunha iniciativa enmarcada na campaña ‘Dixitalízate con nós’, promovida por Amigos de Galicia

O Goberno galego financia este programa a través dos fondos sociais do 0,7% do IRPF, que permitiron achegar 177.000 euros a esta entidade
 

Leiro (Ourense), 9 de abril de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou esta mañá no acto de entrega de material informático e routers con conexión a internet a dúas familias do concello de Leiro, no que sinalou que a fenda dixital é un dos retos máis importantes aos que se enfronta actualmente a sociedade no eido da inclusión social.

O director xeral remarcou que esta iniciativa, promovida pola entidade social Amigos de Galicia a través dunha campaña baixo o título ‘Dixitalízate con nós’, permite apoiar ás familias en risco de exclusión social que non poden facer fronte aos custes que implica o ensino dixital. Unha situación que o confinamento do pasado ano deixou aínda máis en evidencia.

Arturo Parrado lembrou que o Goberno galego traballa coas entidades sociais para poñer en marcha iniciativas coma esta, que freen as desigualdades sociais. Neste sentido, apuntou que este programa foi financiado pola Xunta a través dos fondos da casilla social do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Amigos de Galicia recibiu no último ano un total de 177.000 euros procedentes das diferentes liñas de axuda da Administración autonómica.

Data de actualización: 09/04/2021