Xunta e Clúster da automoción colaboran para formar traballadores en tecnoloxías punteiras no CIFP de Coia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do presidente do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), Roberto Cavallo, visitou as dependencias do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) en Coia, Vigo

A conselleira fía á formación profesional punteira a saúde do tecido industrial galego

Lorenzana presentou o primeiro convenio asinado entre este centro de formación e o Clúster da Automoción (Ceaga) para a cualificación especializada no sector

A Xunta reforzará neste 2021 a formación dirixida a persoas desempregadas cun investimento de 44,3M€ destinada a máis de 16.600 galegas e galegos
 

Vigo, 12 de abril de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do presidente do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), Roberto Cavallo e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron as instalacións do Centro Público Integrado de Formación Profesional de Coia (CIFP). A representante da Xunta deu coñecer o primeiro convenio formalizado entre o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e este centro de FP para avanzar nun ensino profesional de calidade, adaptado aos procesos tecnolóxicos do sector.

Segundo reflectiu a conselleira, grazas a esta colaboración, aportarase a particulares e empresas galegas “un valor diferencial no seu futuro profesional” a partires dunha “formación punteira” e do desenvolvemento tecnolóxico que, segundo concretou “mellorará a empregabilidade e a calidade do mercado laboral de Galicia”.

Tal e como destacou a conselleira, a automoción foi un dos sectores que mostrou unha “maior resiliencia” ante a covid-19, chegando incluso rexistrar aumentos tanto na facturación como no emprego, “algo realmente meritorio dado o contexto”.

Ceaga é un clúster formado por 139 empresas e 53 startups, que aglutinan máis do 14% do emprego industrial e o 17,8% do PIB de Galicia. “Unha asociación absolutamente clave para garantir a saúde do tecido industrial galego, xa non só do sector específico da automoción”, insistiu Lorenzana.

A conselleira quixo subliñar, por outra banda, o labor desempeñado polo CIFP de Coia que, segundo aportou, “está a conseguir fortalecer e modernizar o ensino profesional e dar mostra do seu compromiso social”.

O Centro Integrado de Formación Profesional de Coia, dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, leva en activo desde 1993. Lorenzana remarcou a súa importancia por “liderar a formación e a cualificación dos traballadores e traballadoras nas tecnoloxías punteiras no ámbito da industria 4.0”, e máis en concreto no sector do metal.

Ceaga e o CIPF de Coia apostan nese marco de colaboración polo fomento do ensino profesional de calidade, que teña en conta os novos procesos tecnolóxicos que se están a empregar no sector, e aporte un valor diferencial tanto aos beneficiarios coma ás empresas que os contraten.

Ao longo da pasada semana arrancou o primeiro proxecto piloto de formación dos previstos nestas dependencias coa participación de 8 traballadores de 8 empresas pertencentes a Ceaga. O segundo terá lugar desde hoxe e ata o 16 de abril con outras 8 empresas involucradas. En ambos os dous casos, impartiranse 15 horas de formación. Unha vez validada a idoneidade deste curso formativo, ofrecerase en aberto a todas as empresas que forman parte do clúster.

A Xunta está a estudar que tras este convenio se poidan sentar as bases dunha colaboración futura continuada a través de propostas como integrar a alumnos e alumnas sen ocupación en unidades formativas con compromiso de contratación.

Máis formación para desempregados

Precisamente a formación para o emprego é unha das prioridades do Goberno autonómico que este ano ten previsto investir 44,3 millóns de euros na cualificación de 16.600 persoas desempregadas a través de máis de 1.100 cursos que se impartirán en toda Galicia.

A Xunta vai destinar un 23% máis que na última convocatoria a esta iniciativa para poñer a disposición de galegos e galegas en situación de desemprego unha formación de calidade, que permitirá incrementar as súas oportunidades laborais. Trátase dunha oferta deseñada pola Consellería de Emprego e Igualdade que está adaptada ás necesidades do tecido empresarial e ao novo contexto xerado pola covid-19.

Como novidade neste programa inclúense como beneficiarios e colectivo prioritario da formación aos traballadores e traballadoras afectados por Erte e se potenciarán as accións formativas dirixidas a persoas con discapacidade. Ademais adoptaranse medidas flexibles, como o impulso da teleformación, para facilitar o desenvolvemento dos cursos nun escenario de pandemia .

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/04/2021