As axudas da Xunta ao impulso do sector escénico propician o reencontro co público dunha trintena de espectáculos

Sarabela, Excéntricas, Teatro do Noroeste, Ningures, Talía, Ibuprofeno, La Macana ou Carlota Pérez remataron xa o proceso de recuperación dos proxectos subvencionados, combinando residencias artísticas con representacións

A través desta liña extraordinaria de apoio investíronse 500.000 euros no relanzamento das montaxes de 28 compañías de teatro, danza, circo e maxia e da actividade de catro salas de exhibición diante dos efectos da pandemia

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021

Unha trintena de espectáculos producidos en temporadas anteriores están xa a ter unha nova vida grazas a diferentes proxectos para a súa recuperación, que contan co apoio da Xunta a través da liña extraordinaria de subvencións ao impulso do sector escénico galego. Estas axudas, resoltas en novembro do ano pasado no marco do Plan de Reactivación do sector cultural, traducíronse na adxudicación de 500.000 euros a catro salas de exhibición e 38 compañías de teatro, danza, novo circo e maxia co obxectivo de relanzar montaxes que viron afectada a súa exhibición polas restricións sanitarias.

Máis 75% das formacións beneficiarias remataron ou están a rematar a recuperación destes espectáculos mediante o desenvolvemento de diferentes modelos de residencias artísticas, que na meirande parte culminan co seu reencontro co público a través de funcións escénicas, pero tamén doutras actividades de mediación cultural.

Proxectos xa rematados

É o caso de Sarabela Teatro, que retomou O secuestro da bibliotecaria cunha residencia na Casa da Cultura de Barbadás, unha serie de funcións para público familiar e escolar, e a presentación da súa unidade didáctica na Biblioteca Pública Nós de Ourense. Tamén Producións Teatrais Excéntricas realizou unha estadía na Casa da Cultura de Outes para volver ensaiar a súa versión de Medida x medida, de Shakespeare, cara ao seu posterior regreso aos escenarios.

Así mesmo, entre as compañías teatrais que xa levaron a cabo estas residencias atópanse Teatro do Noroeste con As virxes salvaxes no Centro Sociocultural de Agrón (Ames), Ningures Produción con O agrocho no Auditorio Municipal de Cangas, Talía Teatro en Cee con Voa, voa! e Bicos con lingua, Ibuprofeno Teatro con O mel non caduca na Azucreira de Portas ou A Xanela do Maxín con A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza no Auditorio de Negreira.

12 compañías de danza

Pola súa parte, a danza tivo un especial tratamento nesta convocatoria, que reservou 100.000 euros para proxectos desta modalidade artística, dos que resultaron adxudicatarias 12 compañías. Entre elas, Carlota Pérez con Límites, La Macana con Keep Going e Pink Unicorns ou Paula Quintas cun programa residencias, exhibición e mediación no Teatro Principal da Estrada.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/04/2021