Luis López destaca o “traballo global e transversal” da Xunta na protección da saúde das galegas e galegos fronte á covid-19 coas vacinacións masivas e as probas de detección

O delegado territorial supervisa a nova quenda de inoculacións no Recinto Feiral de Pontevedra, con 5.000 persoas citadas en dous días, e o arranque dos cribados para adolescentes, que se farán en toda a provincia, na Farmacia Amaro Area

“Estamos na fase final da parte máis dura da pandemia, xa que estamos a ver a luz grazas ás inmunizacións, así que é fundamental que todo o mundo se vacine, porque é seguro, e que participe nos cribados cando se lles chame”, detalla
 

Pontevedra, 13 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou esta tarde o “intenso traballo global e transversal” que está a desenvolver a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, na protección da saúde das galegas e galegos fronte á covid-19 a través de accións de gran calado, como as vacinacións masivas, as probas de detección e os cribados, e outras máis específicas.

O representante autonómico valorou este “necesario e prioritario esforzo” do Goberno galego na súa dobre visita a unha nova quenda de vacinación masiva no Recinto Feiral de Pontevedra, onde supervisou o arranque dun novo proceso no que están citadas 5.000 persoas -3.800 de Pontevedra e 1.200 no Salnés- de 75 a 79 anos en dous días, e tamén á posta en marcha, na Farmacia Amaro Area da cidade do Lérez, da pioneira medida de detección do coronavirus entre adolescentes de 12 a 17 anos de toda a provincia a través de tests de saliva.

“Galicia é a comunidade coa taxa de mortalidade máis baixa de España en toda a pandemia só por detrás de Canarias, o que demostra que o noso sistema de saúde pública coida o mellor que pode á xente que enferma; somos a rexión que fai máis probas PCR de detección da covid-19 por cada 100.000 habitantes; e tamén imos a moi bo ritmo na vacinación, xa que o 20,2% da poboación xa ten unha dose, a porcentaxe máis alta de España e 4 puntos máis que a media nacional, e case o 7% ten completada a inmunización, catro décimas por riba das cifras xerais do Estado”, detallou o delegado territorial, que indicou que uns 550.000 galegos xa teñen alguna dose tras inocular o 93% das vacinas recibidas.

“Son inimigo dos trunfalismos, pero creo que é importante dar a coñecer o traballo que se está a facer e a calidade do sistema sanitario público galego, para que os cidadáns manteñan a súa confianza na protección da saúde que se lles ofrece no marco dunha crise moi dura, moi complexa e moi longa”, manifestou o representante autonómico.

Chamada á vacinación

“Estamos na fase final da parte máis dura da pandemia, xa que empezamos a ver a luz grazas ás inmunizacións, así que é fundamental que todo o mundo se vacine, porque é seguro sexa cal sexa a dose e porque é o xeito máis rápido de volver á normalidade, de protexer a saúde dos galegos e de reactivar as nosas vidas e a economía”, indicou Luis López, que explicou que a concienciación na vacinación é “fundamental” despois de que se detectara un incremento de ausencias nas quendas con AstraZeneca da fin da semana.

Posteriormente, o delegado territorial desprazouse ata a Farmacia Amaro Area, emprazada na rúa Benito Corbal, para dar a coñecer o novidoso sistema de detección da covid-19 para adolescentes, que se desenvolverá en toda a provincia para mozos de 12 a 17 anos grazas á colaboración do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.

A iniciativa oriéntase a máis de 51.000 xóvenes da provincia, que deberán ter consentimento informado ou a xestión directa da proba a través dos seus pais no caso dos de 12 a 15 anos, e desenvolverase en 388 farmacias adheridas, das que 36 correspóndense coa capital provincial. “Trátase dunha proposta que pretende comprobar, a través dos mozos, o grao de extensión e contaxio da covid-19 nas familias despois dos efectos da Semana Santa e que pretende acoutar e detectar asintomáticos”, sinalou Luis López, que tamén quixo facer un chamamento á participación “para que os máis novos se impliquen na protección da saúde e no coidado e preservación do noso sistema sanitario público”.

Neste eido, o representante autonómico insistiu en que todos os galegos deben participar masivamente tanto nos cribados que se están a facer nas localidades con maior incidencia como nos distintos tests e probas específicas, como este caso, que se ofrecen a través das farmacias ou doutros organismos sanitarios.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 13/04/2021