A Xunta avanza na execución das obras da fase 0 do "Novo Chuac" cos traballos centrados no cuarto andar do hospital

A actuación, cun investimento de 13 M€, inclúe unha nova área de hospitais de día, outra planta de hospitalización e a ampliación das camas de coidados intensivos

No cuarto andar, que ocupaban as antigas urxencias, está rematado o illamento térmico das fachadas e a nivelación e formación do solo, así como a piques de concluír o proxectado ignífugo dos teitos

O ritmo de traballo increméntase coa baixada da presión hospitalaria, e en maio comezarán as obras na 6ª planta, destinada ás UCI de politraumatizados e Coidados Intermedios, e á nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas

Actualmente está en proceso de adxudicación o contrato para a redacción dos proxectos das seguintes fases, licitado por 7,6 millóns, e ao que se presentaron 7 ofertas de distintas empresas

O novo hospital público da Coruña suporá un investimento total da Xunta de 431 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

A Xunta de Galicia avanza na execución das obras da Fase 0 do novo hospital público da Coruña, o ‘Novo CHUAC’, cos traballos centrados no cuarto andar, coa fin de compatibilizar a súa execución co normal funcionamento hospitalario.

Os traballos, que comezaron a mediados de xaneiro deste ano e contan cun investimento autonómico de 13 millóns de euros, inclúen a creación dunha nova área de hospitais de día e dunha nova planta de hospitalización, así como a ampliación das camas para coidados intensivos.

No inicio dos traballos posibilitouse intervir en varios andares, no primeiro, en concreto na antiga central de esterilización para ampliar os servizos de Farmacia, Urxencias e Mantemento.

Os traballos avanzan fundamentalmente no cuarto andar, onde as obras se realizarán nas antigas Urxencias para situar os Hospitais de Día de Oncoloxía, Alergoloxía, Hematoloxía, Polivalente e a Oficina de coordinación de transplantes.

Neste momento está xa rematada a obra de illamento térmico das fachadas, así como a piques de concluír o proxectado ignífugo de teitos, que se prevé terminar esta mesma semana. Tamén concluíron as tarefas de nivelación e formación do solo sobre o que de dispoñerá o pavimento final.

A previsión é seguir incrementando o ritmo dos traballos, coa baixada da presión hospitalaria, o que permite dispor de máis espazos para poder progresar nas obras.

Deste xeito, a principios de maio iniciaranse os traballos proxectados na sexta planta, onde se actuará en quirófanos para situar as Unidades de Coidados Intensivos (UCI) de politraumatizados e Coidados Intermedios, ademais de crearse unha nova unidade de hospitalización con 18 habitacións e 29 camas.

As intervencións nos espazos da quinta planta, na área dos antigos quirófanos, para situar unha nova unidade de hospitalización con 29 camas, manteranse pendente da evolución da pandemia da covid-19.

Avances nas seguintes fases

A Consellería de Sanidade ten encomendada á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, a xestión das seguintes fases do novo hospital público da Coruña, Novo CHUAC que suporá un investimento total de 431 millóns de euros.

A Axencia Galega de Infraestruturas ten en marcha o proceso de contratación dos documentos técnicos e a tramitación urbanística e ambiental que permitirán iniciar as seguintes fase do Novo CHUAC en 24 meses. Para a execución dos traballos, licitados en decembro do pasado ano por 7,6 millóns, presentáronse 7 ofertas de distintas empresas, e a previsión é adxudicalos nesta primavera.

Máis concretamente, o contrato consistirá na elaboración do proxecto urbanístico e ambiental, na redacción dos anteproxectos e dos proxectos básicos e de execución, do proxecto de construción de viario e accesos, dos proxectos de demolición e na dirección, control e vixilancia das obras nas súas distintas fases.

O obxectivo da Xunta é seguir mellorando a sanidade pública na área da Coruña, estar preparados para adaptarse aos cambios asistenciais e tecnolóxicos e atender as demandas dos profesionais, pacientes e colectivos.

O Novo CHUAC é un dos proxectos prioritarios que está a impulsar a Xunta no conxunto de Galicia e o máis importante que se está a desenvolver na área da Coruña. Esta nova infraestrutura sanitaria dobrará a superficie construída, ata acadar os 225.000 metros cadrados de superficie. Isto supón o incremento do 108% de salas e postos de urxencias, o incremento do 50% de consultas e postos de observación de Urxencias e cun 15% máis de camas dispoñibles e un 50% de habitacións individuais.

Habilitaranse novas zonas de aparcadoiro á disposición dos traballadores e usuarios, 30.000 metros cadrados e 2.600 prazas, ordenadas e seguras, das cales se reservarán o 3% para persoas con discapacidade.

Para o desenvolvemento dos traballos, o contrato prevé que se deseñen os proxectos técnicos de tal forma que sexa posible poñer en funcionamento por fases diferentes unidades de obra, de xeito que se poida ir mellorando e ampliando servizos o antes posible.
Nos proxectos terase especialmente en conta a integración paisaxística, para que o Novo CHUAC sexa unha referencia arquitectónica na cidade, así como outros aspectos como a eficiencia enerxética, a depuración de augas para paliar a concentración de medicamentos, a accesibilidade, a funcionalidade da asistencia sanitaria e os materiais e subministro de proximidade ou de “quilómetro 0”.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/04/2021