A Xunta apoia a publicación do ‘Igadi Annual Report 2020-2021’, que aborda a nova normalidade e a sociedade de risco global

A décimo cuarta edición deste informe anual realiza unha análise da xeopolítica internacional e da política global desde Galicia para achegar os acontecementos máis destacados do último ano e o contexto do actual

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación virtual do volume
 

A Coruña, 15 de abril de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe ao mediodía na presentación virtual do Igadi Annual Report 2020-2021, que aborda desde o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) a nova normalidade e a sociedade de risco global co apoio da Xunta de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou na súa participación “a importancia desta análise que, desde Galicia e en lingua galega, aborda e dá conta dos temas de actualidade en xeopolítica mundial e global desde unha perspectiva propia”.

Na presentación participaron tamén o director do IGADI, Daniel G. Palau, e Christoph Schreinmoser, Miriam Francisco, Wesley Sá Teles Guerra e María Xosé Porteiro, especialistas que ofrecen nas páxinas do volume as súas reflexións por áreas xeográficas e transversais 2020-2021.

Acontecementos destacados e prospeccións

Baixo o título Nova normalidade e sociedade de risco global, o informe anual do IGADI chega á súa décimo cuarta entrega realizando unha análise da xeopolítica internacional e da política global desde Galicia para achegar os acontecementos máis destacados do último ano e as prospeccións do actual, coa emerxencia da covid-19 como punto de inflexión.

Entroutras, o asalto ao Capitolio, as primeiras consecuencias do Brexit, as novas ondas e cepas da covid-19, a dificultosa xestión da produción e administración universal das vacinas ou o colapso do Canal de Suez condicionan un presente e futuro afectados por crises xa coñecidas no planeta da última década, con novos escenarios aparecidos froito da evolución da sociedade internacional e, particularmente, da crise sanitaria global. O anuario 2020-2021 completo pódese descargar no web do IGADI
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/04/2021