Medio Ambiente licita por case 200.000 euros o seguimento das poboacións piscícolas en tramos fluviais de toda Galicia

A actuación, cofinanciada nun 75% con fondos do Programa de desenvolvemento rural 2014-2020, permitirá determinar o estado de determinadas especies nos ríos seleccionados, actualizando os traballos e inventarios realizados nos últimos anos

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar o servizo para o seguimento de poboacións piscícolas en tramos fluviais seleccionados de toda Galicia por un importe de 198.294,40 euros, IVE incluído.

Segundo consta na memoria xustificativa, os traballos a desenvolver estenderanse ata o 30 de outubro do próximo ano e o seu custo cofinanciarase nun 75% con fondos Feader do Programa de desenvolvemento rural 2014-2020.

O obxecto deste contrato é proporcionar datos que permitan caracterizar o estado das poboacións piscícolas en determinados tramos fluviais repartidos ao longo da rede galega. Deste xeito, poderase actualizar o traballo desenvolvido nos últimos anos no que respecta á valoración de poboacións de troita ou reo, e tamén dar continuidade aos inventarios dos tramos de migradores (salmón e anguía) que desde 1995 se veñen facendo na Comunidade.

Estes datos acadaranse mediante a mostraxe con pesca eléctrica, aplicando metodoloxías convencionais que permitan facer unha estima cuantitativa de abundancia nos tramos seleccionados das distintas especies piscícolas e, por outra banda, a recompilación dos datos merísticos individuais (reconto de parámetros físicos como, por exemplo, escamas, arcos branquiais e vértebras) dos peixes capturados. Todos estes datos proporcionarán o medio para, máis adiante, caracterizar as poboacións a través da densidade, biomasa e estrutura poboacional para cada especie nos distintos tramos sometidos a mostraxe.

Os resultados obtidos, confrontados cos xa existentes, permitirán afondar na análise da evolución das devanditas poboacións, na caracterización do seu estado de conservación e na concreción dun marco de referencia -en termos rexionais- para a definición do estado de conservación favorable dos hábitats fluviais e das especies piscícolas que neles habitan.

Por outra banda, tamén interesa a valoración doutros modelos de xestión que se están a aplicar en moitos lugares da hidrografía distintos do modelo tradicional extractivo, máis estendido e maioritario, polo que se inclúen tramos sometidos a eses modelos de xestión xunto cos coutos tradicionais: coutos de pesca sen morte e tramos libres de pesca sen morte. Finalmente, a mostraxe dos puntos de peixes migradores pretende a maiores dar cumprimento ao regulamento europeo no que se refire ao salmón e á anguía.

O contrato divídese en tres lotes: lote 1, mostraxes xenéricas nas provincias da Coruña e Pontevedra; lote 2, mostraxes xenéricas en Lugo e Ourense; e lote 3, mostraxes de xuvenís de salmóns. Esta separación está xustificada tanto polas diferencias de procedemento entre as mostras para a avaliación das poboacións de troita e reo e as mostraxes de xuvenís de salmón, como pola concentración territorial e temporal dos traballos a desenvolver.

En canto ao traballo de campo, o servizo inclúe a toma de mostras de 322 puntos xenéricos, 56 puntos específicos cuantitativos e 164 semicuantitativos. Para executalos, estímase que será necesario contar cun equipo mínimo composto por cinco persoas para a realización dos correspondentes traballos de campo:

Axudas a entidades colaboradoras de pesca

O servizo que acaba de licitarse permitirá mellorar o coñecemento e, por tanto, a calidade e estado das poboacións piscícolas da rede hidrográfica galega. Con ese mesmo obxectivo, a Consellería convocou o 22 de marzo a orde de axudas para entidades colaboradores de pesca fluvial para actividades e investimentos de fomento da riqueza piscícola.

Entre as actuacións que se poderán subvencionar grazas a este programa, dotado para 2021 dun orzamento de 80.000 euros, cómpre mencionar a vixilancia dos tramos de pesca fluvial así como a realización de actividades divulgativas ou formativas, tanto presenciais como telemáticas. As entidades interesadas aínda poden solicitar estas axudas, xa que o prazo de presentación remata o vindeiro mércores 21 de abril.

Así mesmo, cómpre lembrar que a Consellería está a impulsar o chamado Proxecto Mil Ríos no marco da súa candidatura aos fondos europeos dispoñibles para facilitar a recuperación económica. O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor o patrimonio natural dos ríos galegos grazas a un investimento de máis de 30 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/04/2021