O programa Emega da Xunta apoia 25 proxectos liderados por mulleres na provincia de Ourense

O delegado territorial informou de que estes proxectos supuxeron a creación de 44 empregos femininos cun investimento de 190.000 euros

Gabriel Alén subliñou que a Xunta investiu entre 2016 e 2020, 7,1 millóns de euros no programa Emega de emprendemento feminino, o que permitiu financiar 578 proxectos empresariais liderados por mulleres e apoiar a consolidación de 1.018 postos de emprego femininos
 

Ourense, 16 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou hoxe que grazas ao Programa Emega foron subvencionados na provincia de Ourense 25 proxectos liderados por mulleres, que contaron con axudas por importe de 260.000 euros, que permitiron a creación de 44 empregos femininos.

Gabriel Alén visitou esta mañá un local de restauración no concello de Ourense que presentou un dos proxectos que contou co apoio do Programa Emega. Concretamente recibiu unha subvención de 18.000 euros da liña Emprende para botar a andar un restaurante. Grazas aos apoios autonómicos este proxecto xerará tres postos de traballo femininos: o da promotora (por conta propia) e o de dúas empregadas (indefinidos por conta allea).

A Xunta investiu entre 2016 e 2020, 7,1 millóns de euros no programa Emega de emprendemento feminino, o que permitiu financiar 578 proxectos empresariais liderados por mulleres e apoiar a consolidación de 1.018 postos de emprego femininos.

Nestes cinco anos, o Goberno galego apoiou 578 iniciativas empresariais, así como a creación de 869 novos postos de traballo ocupados por mulleres e o mantemento doutros 149 xa existentes. Grazas ao programa, deste xeito, o total de empregos de mulleres que recibiron soporte do Emega ascendeu a 1.018.

Emega adaptouse ademais no último ano ao contexto de pandemia, para minimizar os efectos da covid-19 entre as novas emprendedoras e as beneficiarias de edicións anteriores. Neste sentido flexibilizou as esixencias de mantemento da actividade e do emprego para as mulleres empresarias beneficiarias das convocatorias dos anos 18 e 19 -pasando de dous anos a 18 meses- co obxectivo de eximilas de ter que reintegrar as axudas no caso de que a pandemia afectara á viabilidade das súas empresas.

Liñas de actuación

Catro liñas de actuación integran o programa Emega. A liña Emprende, que está destinada a posta en marcha de novas empresas; Innova, para a promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres; Activa, que busca a reactivación e consolidación de proxectos empresariais e ITEF, que se centra na axuda para a posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica.

O programa conta ademais con axudas complementarias como a liña Concilia, de apoio á conciliación da vida laboral, persoal e familiar; e Dual co que todas as promotoras poden participar desde 2019 nun programa de titorización co obxectivo de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais.

O pasado 2020 o programa contou cun orzamento de 2,1 millóns de euros, o que permitiu apoiar a cifra récord de 197 iniciativas empresariais de mulleres e a creación ou mantemento de 324 postos de traballo femininos. Este 2021, a Xunta ten previsto incrementar aínda máis o presuposto da convocatoria e dotala con 3,6 millóns de euros (+71,4% que en 2020), o que suporá o maior orzamento da historia deste programa.

Desde 2009, o Goberno galego leva investidos máis de 11,2 millóns de euros no programa Emega, contribuíndo deste xeito ao financiamento de 900 proxectos empresariais femininos que incidiron na consolidación de 1.601 postos de traballo femininos, 1.416 deles, de nova creación no período.

Con estes apoios a Xunta traballa para minimizar as fendas existentes no mercado laboral e mellorar a ocupación, emprego, salarios e contratos das mulleres e, ao mesmo tempo, fomentar a conciliación e a corresponsabilidade.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/04/2021