A Xunta abre en Vigo a programación académica do instituto Castelao en homenaxe á antiga alumna Xela Arias

O secretario xeral de Política Lingüística e a delegada territorial da Xunta participaron no acto inaugural e na descuberta dunha placa no salón de actos que desde hoxe recibe o nome da anfitrioa das Letras Galegas 2021

“Vigo é este ano epicentro da celebración do 17 de maio e acollerá boa parte das iniciativas culturais e sociais previstas na ampla programación impulsada pola Xunta para facer partícipe a cidadanía da festa das Letras Galegas”, destacaron
 

Vigo, 16 de abril de 2021

A Xunta de Galicia, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a súa delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, abriu hoxe a programación académica do IES Castelao en homenaxe a Xela Arias Castaño, alumna deste centro entre os anos 1976 e 1981 e autora á que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio.

A iniciativa, que se enmarca dentro das accións impulsadas na programación institucional Letras Galegas 2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, arrancou cun acto inaugural no propio centro, no que os representantes da Administración autonómica destacaron que Vigo “é este ano epicentro da celebración do 17 de maio e acollerá boa parte das iniciativas culturais e sociais previstas na ampla programación impulsada pola Xunta para facer partícipe a cidadanía da festa das Letras Galegas”.

Ambos felicitaron ao centro “pola ampla programación de sesións académicas que acollerá e dará a coñecer, dan man de especialistas e de persoas que coñeceron a Xela Arias e participaron canda ela en diferentes proxectos artísticos e profesionais, a vida, a obra e as diferentes e sempre interesantes facetas da autora como poeta, tradutora e mestra”.

Participaron canda eles na apertura e na descuberta da placa que loce desde hoxe o salón de actos baixo o nome da anfitrioa das Letras Galegas 2021, o director do IES, Marco Veiga; a familia de Xela Arias, a profesora Mónica Soto e alumnado do centro.

Sesións con Yolanda Castaño e Emma Pedreira

O programa académico impulsado polo IES Castelao de Vigo inclúe sete citas académicas máis –todas elas dirixidas ao alumnado do centro– que darán comezo o luns 19, coa conferencia de Ana Iglesias Xela Arias a través de Non te amola!.

Prolongaranse ao longo dos meses de abril e maio: 23 de abril, Xela Arias, unha perspectiva persoal (Manuel Bragado); 30 de abril, Xela Arias, tradutora (Ana Luna); 7 de maio, Xela Arias, poeta (Yolanda Castaño); 10 de maio, Xela Arias: as palabras á Intemperie (Emma Pedreira); 13 de maio, De Carvalho Calero a Xela Arias (Serafín Marco) e 21 de maio, Xela Arias e a creación poética (María Xesús Nogueira). A iniciativa forma parte da programación institucional das Letras Galegas 2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/04/2021