A Xunta lamenta que o ministerio siga a obviar a postura de 11 autonomías e manteña a súa decisión de incluír o Lobo no listado de especies de protección especial

Belén do Campo indicou que a Conferencia Sectorial non serviu para acadar puntos en común, nin para abrir un diálogo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico coas comunidades lobeiras

A directora xeral trasladou a estas entidades que a Xunta prepara a presentación dos recursos correspondentes para defender os intereses de Galicia pola vía xurídica
 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021

A Xunta de Galicia lamentou que o Goberno central segue a obviar a postura de 11 autonomías e mantén a súa decisión de incluír o lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe).

A directora xeral de Patrimonio Natural iniciou esta mañá unha rolda de contactos coas organizacións agrarias galegas e de razas autóctonas para informalos do resultados da reunión da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, celebrada o pasado mércores 14, que incluía o estado de tramitación da solicitude para incrementar o actual nivel de protección do lobo ibérico.

Recordou que Navarra vén de sumarse á postura que lideran as comunidades ao norte do río Douro (Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León), e que apoian País Vasco, Aragón, Madrid, Murcia, Andalucía, a cidade autónoma de Ceuta, e á petición de paralización desta proposta -que recibiu máis de 4.500 alegacións durante a fase de consulta pública-, ata que se que se aprobe e consensúe a nova Estratexia nacional de xestión e conservación da especie, pois esta debe ser pactada coas comunidades lobeiras, posto que son a administracións que velarán pola súa aplicación.

A reunión serviu para visualizar unha vez máis a negativa do Goberno por debater en profundidade un tema de gran importancia para as rexións ao norte do río Douro, que aglutinan o 95% das poboacións do lobo de todo o país e asumen desde hai anos a súa xestión en solitario.

Explicoulles que os representantes das catro comunidades aproveitaron a quenda de palabra para reiterar os principais argumentos nos que basean o seu rexeitamento a unha medida que dificultaría máis a xestión da especie nos seus territorios e suporía, ademais, unha ameaza para o sector agrogandeiro, ao reducir as posibles medidas de control.

A directora xeral de Patrimonio Natural indicou que esta actitude do Goberno obriga ás comunidades afectadas a recorrer a vía xurídica para presentar os correspondentes recursos ante un tema de confrontación do territorio. Nese sentido, adiantou que os técnicos, xunto co departamento xurídico, da Consellería están a avaliar a documentación necesaria para iniciar dito procedemento.

 

Data de actualización: 16/04/2021