A Xunta impulsa o proxecto Horta en Ferrol para fomentar a formación agraria dirixida a colectivos en risco de exclusión cun investimento de preto de 323.000 euros

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural coñeceu hoxe esta iniciativa

Ferrol, 16 de abril de 2021

As consellerías do Medio Rural e de Política Social están a impulsar o proxecto Horta no concello de Ferrol. Trátase dunha iniciativa executada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que se centra na formación e a creación de empresas para persoas mozas e/ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, en parcelas de titularidade do Banco de Terras ou arrendadas por este a persoas particulares.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, coñeceu hoxe esta iniciativa, actualmente en execución, e que ten un orzamento de preto de 323.000 euros. O proxecto abranguerá inicialmente unha parcela de 2,5 hectáreas de titularidade do Banco de Terras, na parroquia ferrolá de Covas.

En conxunto, a iniciativa inclúe a creación de 15 hortas de 400m² cada unha, unha edificación para aula de formación, aseos e almacén, un invernadoiro de 600m² e instalacións auxiliares de rego, enerxía eléctrica con enerxías renovables, sistema de depuración e pechadura cinexética. A edificación rematarase en madeira de piñeiro autóctono con criterios de integración paisaxística. Ademais, estase estudando unha ampliación do proxecto, en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, para a formación en silvicultura e a plantación de carballos.

Ata o de agora seleccionouse o predio, deseñouse o proxecto de actuación, redactouse, por parte do Banco de Terras, o proxecto de execución de augas e rede de regas, a instalación eléctrica e edificios auxiliares na parcela elixida. Por parte da Consellería de Política Social estanse a identificar e seleccionar os posibles beneficiarios desta actuación, en función de criterios obxectivos relacionados coa súa situación económica e social.

Iniciativa global

Segundo explicou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o obxecto deste proxecto é o de desenvolver unha iniciativa global e coordinada, entre a Xunta, concellos, organizacións de produtores e colectivos sociais, con interese ou implicación directa ou indirecta na produción agrícola, na formación e no apoio ás iniciativas de loita contra a exclusión social.

Todo isto farase co gallo de crear proxectos de produción hortícola, de moi diverso tamaño, destino comercial e grao de ocupación, como pode ser o desenvolvemento de iniciativas de carácter lúdico, formativo e/ou educativo, destinadas a familias e pequenos grupos veciñais ou escolares das contornas das vilas e cidades de Galicia- Este proxectos levaríanse a cabo para acadar para unha produción de autoconsumo, isto é, o que comunmente se coñece como iniciativas de “hortos urbanos”.

Trátase, ademais, de impulsar proxectos enfocados ao apoio á persoas pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, con destino á pequena produción con carácter comercial e, de ser posible, con desenvolvemento de cultura asociativa, ben na produción, no fornecemento de insumos ou na distribución. Así mesmo, no marco desta iniciativa tamén se engloban os proxectos destinados á incorporación de novas persoas á produción hortícola, fomentando así o emprego no medio rural.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/04/2021