A Xunta activa o Plan de prevención de incendios forestais, dotado con 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de monte e en 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación

Feijóo destaca que este ano imos limpar un 22% máis de hectáreas que no plan de prevención do pasado exercicio

Precisa que esta folla de ruta se divide en tres bloques de actuacións: sobre o territorio; sobre a poboación; e actuacións complementarias

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha do Plan de prevención de incendios forestais, dotado con 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de monte e en 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación.

Tras destacar que “este ano imos limpar un 22% máis de hectáreas que no plan de prevención do pasado exercicio”, o presidente da Xunta explicou que o documento prevé labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga da Comunidade e a construción de 222 puntos novos.

Máis polo miúdo, Feijóo precisou que esta folla de ruta divídese en tres bloques de actuacións: sobre o territorio; sobre a poboación; e actuacións complementarias.

Dentro das actuacións sobre o territorio, distinguirase entre os traballos levados a cabo directamente pola Xunta, que se estenderán a máis de 5.500 hectáreas e 2.200 km de pistas (6M€); e os que se sufragan coas subvencións e ao abeiro de convenios do Goberno galego, especialmente con entidades locais, cunha actuación en 52.500 hectáreas e 2.700 km de pistas (23 M€).

Nesta liña Feijóo lembrou que a futura Lei de recuperación da terra agraria inclúe como novidade a creación de polígonos cortalume coa implantación neles de actividade agrícola, gandeira ou forestal.

No tocante aos convenios que a Administración autonómica asina coas entidades locais, Feijóo lembrou que estes comprenden distintos aspectos. Por unha banda, están os asinados cos concellos para vehículos motobombas, rozas e contratación de brigadas, que inclúen a 258 municipios e 5 mancomunidades; e, por outra, está o convenio coa Fegamp e Seaga para protexer as aldeas, dotado este ano con 7,7M€ de orzamento.

Sobre este último punto, o presidente da Xunta lembrou que ao seu abeiro, entregáronse xa 232 plans municipais de prevención.

Así mesmo, potenciarase a colaboración cidadá coa entrega de material a colectivos cidadáns a través dos concellos. E reforzarase a execución de traballos mecanizados nos concellos adheridos mediante 35 tractores con rozadoira para actuar en 1.500 hectáreas cortalume.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo galego subliñou que o segundo bloque deste plan estará destinado as actuacións sobre a poboación: con 300 encontros nos centros educativos sobre educación ambiental; ou a implantación dun programa de formación para a poboación do rural, orientado a medidas de autoprotección e prevención ante os danos dos incendios.

Por último, e en relación ás actuacións complementarias, Feijóo precisou que, dentro deste bloque estarán incluídas: as axudas para accións silvícolas, cun orzamento bianual de 13 millóns; o plan de pastos, “para establecer zonas de pastos pero cunha orientación á prevención de lumes”, cun orzamento de 9,5 M€; e as aldeas modelo, con 35 en trámite.

Despois de lembrar a decisión de crear o Centro Integral para a loita contra o lume en Toén, o presidente da Xunta fixo fincapé o proxecto Interlumes “para dotar ao sur da provincia de Ourense da primeira base aérea transfronteiriza para a loita contra os incendios”, precisando que nesta iniciativa investiranse 9M€ entre a Xunta e outras institucións españolas e lusas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/04/2021