Calquera persoa de Galicia pode xa autorizar a outra dende a sede electrónica da Xunta para realizar os seus trámites ante as administracións

O Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos permite tramitar a autorización dun xeito gratuíto

A persoa que outorga o poder ten a opción de facelo desde a propia sede electrónica ou de xeito presencial

A autorización terá unha vixencia máxima de cinco anos, aínda que se pode outorgar por un período inferior e renovala. Pode ser revogada en calquera momento pola persoa que a outorga e a persoa apoderada poderá tamén renunciar ao apoderamento

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2021

As persoas de Galicia que queiran designar a outra para facer no seu nome os trámites ante as administracións poden facelo xa na sede electrónica da Xunta. A creación do Rexistro Xeral de Apoderamentos simplifica este trámite, que poderá facerse de maneira gratuíta.

O novo Rexistro de Apoderamentos créase no marco da Lei de Administración Dixital de Galicia e está regulado no Decreto publicado polo DOG o pasado 18 de marzo.

Neste momento, a tramitación pódese realizar na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal. O servizo comezará a estar dispoñible esta semana nas oficinas de rexistro das sete cidades e estenderase progresivamente ao resto das oficinas da rede autonómica.

O decreto establece tres tipos de poderes:
1. Un poder xeral, para que a persoa apoderada poida actuar ante calquera administración ou entidade instrumental.
2. Un poder limitado a actuacións administrativas ante a Xunta de Galicia ou ante unha entidade instrumental concreta.
3. Un poder aplicable unicamente para a realización de trámites especificados no propio documento.

A documentación para a tramitación dos poderes está a disposición das persoas interesadas na propia sede electrónica. No caso de que todos os requisitos para a aceptación poidan ser comprobados automaticamente, a inscrición no rexistro será tamén automática. En caso contrario, a documentación terá que ser analizada polo órgano competente.

Os poderes terán unha vixencia máxima de cinco anos e poderán ser revogados en calquera momento, tanto pola persoa que outorga o poder como pola persoa apoderada. Tamén se poden outorgar poderes cunha vixencia máis limitada no tempo, que poderán ser prorrogados ata os cinco anos.

A posta en marcha do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos atende unha demanda social que se incrementou coa extensión do uso da administración electrónica como consecuencias da pandemia por Covid-19. Facilitará o acceso a este modelo a persoas que non están habituadas ao uso da tecnoloxía dixital ou que, por calquera outra circunstancia, non poidan facelo.

O 78 por cento das anotacións no sistema único de rexistro de Galicia en 2020 realizáronse por canle electrónica. Tamén aumentaron dun xeito significativo, un 38,61 por cento, as entradas de documentación por sede electrónica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/04/2021