O presidente do Goberno galego participou esta mañá nunha xornada de traballo sobre esta iniciativa

Feijóo avanza unha mesa de traballo cos concellos para deseñar unha Estratexia galega de atención á soidade non desexada "que arroupe a todos os maiores"

Asevera que neste obxectivo atópanse outros potenciais aliados, como as entidades sociais ou o pequeno comercio; e incide na necesidade de formar unha gran alianza contra a soidade

Salienta que esta estratexia, pioneira en toda España, identifica cinco liñas estratéxicas: prevención, detección e intervención, visibilización e cooperación

Lembra que Galicia conta con 126.000 galegos de máis de 65 anos que viven sos

Subliña que moitos dos conceptos que guían esta iniciativa xa levan anos presentes nas políticas da Xunta, a través de iniciativas como Xuntos polo Nadal, o Xantar na casa, o Servizo de Axuda no Fogar ou a teleasistencia

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a creación dunha mesa de traballo cos concellos para deseñar unha Estratexia galega de atención á soidade non desexada “de país e que arroupe a todos os maiores”; “unha mesa para analizar as medidas que están en marcha a nivel local, explorar vías de colaboración entre administracións e deseñar xuntos solucións novidosas”, precisou, co obxectivo de poder aprobala entre xuño e xullo deste ano.

Nesta liña, e ademais da Administración local, “que é a que mellor coñece aos veciños”, Feijóo aseverou que neste obxectivo atópanse outros potenciais aliados, entre os que destacou as entidades sociais ou o pequeno comercio, incidindo na necesidade de formar unha gran alianza contra a soidade.

Durante unha xornada de traballo sobre este asunto, Feijóo recordou que esta estratexia, pioneira en toda España, identifica cinco liñas estratéxicas: a prevención, xa que é fundamental actuar antes de que o fenómeno apareza, a través de iniciativas que favorezan as relacións sociais e a participación social ou cultural das persoas maiores. A detección e a intervención, respectando as preferencias e necesidades do maior para ofrecer o servizo que máis se axuste ás súas necesidades. E a visibilización e a cooperación, co fin de que a sociedade sexa consciente de que hai moitas persoas maiores que viven soas sen desexalo.

“O obxectivo é que todos os maiores se sintan arroupados e que pague a pena o esforzo de converternos en pioneiros para coidalos”, abundou, lembrando que, segundo o INE, Galicia conta con 126.000 galegos de máis de 65 anos que viven sos.

Así mesmo, subliñou que moitos dos conceptos que guían esta iniciativa xa levan anos presentes nas políticas do Goberno galego: co envellecemento activo, a través da aposta polo voluntariado sénior e programas como Xuntos polo Nadal; ou co envellecemento de proximidade, coa posta en marcha das casas do maior ou de servizos como o autobús de coidados porta a porta.

E en relación ao envellecemento atendido a domicilio, o titular da Xunta referiuse a medidas como o Xantar na casa, que leva menús a casa de máis de 1.600 galegos; o Servizo de Axuda no Fogar, no que Galicia é unha referencia, cun investimento de máis de 83 millóns de euros e 24.000 beneficiarios; ou a teleasistencia, que presta servizo a 7.600 galegos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/04/2021