Lorenzana apunta á prevención como motor da seguridade e a saúde no traballo e avoga por sumar esforzos para loitar contra a pandemia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe en Santiago de Compostela por videoconferencia na webinar ‘A cultura preventiva, motor de resiliencia’

Lembrou que se celebra esta semana o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo -o 28 de abril- baixo o lema ‘Anticiparse á crise, preparala e responder: investir hoxe en sistemas resilientes de seguridade e saúde no traballo’

Puxo en valor a Unidade de referencia covid-19 que activou a Xunta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), para facer fronte aos retos e dificultades das novas formas de traballo xeradas pola pandemia

A Unidade atendeu nestes meses máis de 835 consultas técnicas por parte do tecido empresarial e elaborou 77 documentos para posibilitar a reactivación económica coas máximas garantías de seguridade nos centros de traballo
 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela por videoconferencia na webinar A cultura preventiva, motor de resiliencia, que se celebrou con motivo esta semana, o mércores 28, do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo e na que destacou a importancia da prevención de riscos laborais como motor de seguridade e saúde no traballo e do benestar social de Galicia.

Lorenzana sinalou que a seguridade e a saúde laboral adquiriu un “papel protagonista” con obxectivo de facer fronte aos novos riscos derivados dos cambios e desafíos que trouxo consigo a pandemia e, por iso, a Xunta aumentou en preto dun 25% este ano, ata chegar a 26 millóns de euros, o orzamento da Dirección Xeral de Relacións Laborais, á que está adscrita o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga). Tamén puxo en valor a Unidade de referencia covid-19 posta en marcha polo Instituto, unha ferramenta que permite ofrece unha resposta pormenorizada ante os retos e dificultades cos que os traballadores e traballadoras galegas se están atopar como consecuencia da crise sanitaria.

A Unidade atendeu nestes meses 836 consultas técnicas por parte do tecido empresarial de Galicia e elaborou 77 documentos, entre guías, recomendacións preventivas e protocolos por sectores, para posibilitar a reactivación económica coas máximas garantías de seguridade nos centros de traballo.

A conselleira destacou a importancia da palabra resiliencia para encarar a reactivación e renovación do tecido produtivo e apuntou a importancia de incidir na modernización do coñecemento técnico en materia de prevención de riscos laborais apostando por unha visión transversal que involucre a todos os poderes públicos. “Porque o benestar laboral vai da man do benestar social”, matizou.

Así mesmo, indicou que a Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo vai en liña co lema este ano do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo: Anticiparse á crise, preparala e responder: investir hoxe en sistemas resilientes de seguridade e saúde no traballo. En palabras de Lorenzana, o traballo de prevención é “o mellor antídoto posible contra o estrés, a fatiga psicolóxica e a sinistralidade laboral” e, por iso, avogou por investir tempo e sumar esforzos para loitar contra a pandemia avaliando as novas formas de traballo que xurdiron e están a xurdir pola covid-19.

Para rematar, resaltou a importancia da celebración de xornadas que inciden na concienciación, o debate e a difusión da prevención de riscos laborais e, neste senso, agradeceu a colaboración que coa Xunta manteñen a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Sociedade galega de prevención de riscos laborais, a Asociación de profesionais de seguridade e saúde laboral de Galicia, a Sociedade galega de medicina no traballo e a Asociación de especialistas en enfermería do traballo de Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/04/2021