Trenor destaca o esforzo da Xunta para potenciar e mellorar os centros de investigación e favorecer a súa internacionalización

O delegado da Xunta visitou está mañá o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), dependente da Universidade da Coruña, primero centro singular do SUG en TIC e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia.

Desde o ano 2019 e ata o 2022, este centro recibirá para o seu financiamento directo máis de 2,2 millóns de euros. A previsión é que no 2021 reciba máis de 767.000 euros e no 2022 máis de 733.000 euros

A Coruña, 26 de abril de 2021
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), dependente da Universidade da Coruña, CITIC), dependente da Universidade da Coruña, primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego (SUG) en TIC e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia. Durante a visita destacou que “se algo podemos sacar bo da crise sanitaria que vivimos é que nos serviu para darnos conta do papel fundamental que xogan os investigadores no noso día a día e da importancia de consolidar un sistema de investigación punteiro e recoñecido”. Neste senso, engadiu, “os centros de investigación xogan un papel fundamental e por iso desde a Xunta iniciamos, no 2016, unha política de estruturación e mellora dos nosos centros de investigación co obxectivo final de favorecer a súa internacionalización como punta de lanza da investigación galega”.

Galicia conta con oito centros de investigación acreditados entre os que se atopa o CITIC, un centro transversal no ámbito TIC que é un dos referentes na investigación do sector TIC en Galicia en colaboración co clúster TIC. Trenor lembrou que o seu traballo destaca nos últimos tempos polas súas aplicación á intelixencia artificial, a medicina e polo seu compromiso coa investigación nos ámbitos da covid-19.

O delegado da Xunta subliñou que o Goberno autonómico redobrou o financiamento aos proxectos estratéxicos de investigación durante o período 2019-2022 ata chegar a un investimento de 20,50 millóns de euros o que supón un aumento de fondos do 66% sobre o 2016 e o dobre das partidas que destina o Estado.

En relación con CITIC, apuntou que, desde o ano 2019 e ata o 2022, este centro recibirá para o seu financiamento directo máis de 2,2 millóns de euros. A previsión é que no 2021 reciba máis de 767.000 euros e no 2022 máis de 733.000 euros, o que pon en evidencia a importancia que desde o Goberno galego se lle está dando a este centro de investigación punteiro en Galicia.

“Estamos convencidos, rematou Trenor, que este esforzo inversor por parte da Xunta cristaliza en novos e importantes avances nas diferentes liñas que tedes abertas neste centro o que nos está convertendo nun referente no eido científico e investigador”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/04/2021