A conselleira do Mar clausurou hoxe por videoconferencia un encontro sobre a aplicación do ‘blockchain’ á xestión e trazabilidade dos produtos pesqueiros

Galicia avanza na súa aposta polas tecnoloxías para modernizar e impulsar a competitividade do sector marítimo-pesqueiro

A conselleira do Mar salienta que as actividades vencelladas co mar conservan a súa esencia tradicional pero sen perder de vista os cambios aparellados á transformación dixital co obxectivo de avanzar na súa modernización

Rosa Quintana lembra a aposta da Xunta por mellorar a comercialización e a tra-zabilidade dos produtos do mar mediante accións como o programa Primare Lon-xas 4.0, a instalación de dispositivos Ticpesc nos portos e a marca de calidade ‘pescadeRías, de onde se non?’

O Executivo galego aposta por aproveitar as posibilidades que ofrecen as tecno-loxías nos distintos eidos para impulsar o crecemento do complexo mar-industria e a reputación dos produtos pesqueiros de Galicia

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reafirmou hoxe a aposta da Xunta polas tecnoloxías no sector marítimo-pesqueiro e defendeu o traballo realizado nos últimos anos coa finalidade de impulsar os seus resultados e a súa competitividade. A titular de Mar lembrou que as actividades vencelladas co mar conservan a súa esencia tradicional pero sen perder de vista os cambios que chegan aparellados á transformación dixital co obxectivo de avanzar na súa modernización.

A representante do Executivo galego explicou a estratexia desenvolvida en Galicia na aplicación das tecnoloxías á comercialización dos produtos do mar durante a clausura dun encontro sobre o emprego do ‘blockchain’ na xestión e trazabilidade dos produtos pesqueiros. Trátase dun asunto, incidiu, fundamental na xestión da actividade pesqueira e na que o sector, a ciencia e a Administración deben traballar da man.

Rosa Quintana lembrou durante a xornada -organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e promovida pola firma Elige Plus Consultores e a patronal conserveira Anfaco-Cecopesca- que a estratexia da Xunta no eido marítimo-pesqueiro pivota sobre tres proxectos principais, o programa Primare Lonxas 4.0, a instalación de dispositivos Ticpesc nos portos e a marca de calidade pescadeRías, de onde se non?.

O sistema Primare, de dixitalización da comercialización nas lonxas galegas, está instalado xa en 27 dos 35 centros de primeira venda participantes no proxecto e permitiu a xestión de máis de 835.000 lotes de venda desde a súa posta en marcha así como a realización de arredor de dous millóns de movementos contables.

Mentres, os 66 terminais Ticpesc instalados en distintos puntos do litoral facilitan o labor do sector permitindo a expedición de documentos para a venda dos produtos do mar as 24 horas do día e os 365 días do ano. Estes dispositivos permitiron xerar 68.000 documentos en 2020 e máis de 430.000 desde o ano 2014.

A estas ferramentas tecnolóxicas, salientou a conselleira do Mar, engádese a marca de calidade pescadeRías, “unha garantía de que o produto elixido procede da pesca artesanal, é fresco e da máxima calidade porque foi capturado nas 24 horas previas e é o resultado dunha explotación sustentable dos recursos”. Este distintivo certificou en 2020 a calidade de máis de 11.200 toneladas de produtos do mar, unha importante cifra malia o descenso das vendas como consecuencia da alerta sanitaria pola covid-19.

Por iso, a representante do Goberno autonómico apostou por aproveitar as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías nos distintos eidos e por acelerar os procesos administrativos, a loxística e o intercambio de valor na busca de impulsar o crecemento do sector así como a reputación dos produtos do mar de Galicia mellorando a súa trazabilidade.

“Temos un reto e imos seguir dándolle resposta para que o noso sector sexa máis competitivo, xerador de confianza e responsable”, subliñou Rosa Quintana, que lembrou a importancia de que o sector avance en materia de eficiencia e redución de custos, no cumprimento da regulación ambiental, social e económica e na transparencia e trazabilidade dos seus produtos.

Encontro

Esta é a cuarta e última xornada do Obradoiro 4.0 do Igape, neste caso centrada na aplicación do internet das cousas e da tecnoloxía blockchain nas empresas do complexo mar-industria de Galicia. O evento, que foi inaugurado polo secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, contou coa participación dun responsable da Asociación de Fabricantes e Distribuidores (Aecoc), de dous representantes da Autoridade Portuaria de Vigo e dun técnico da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Nas súas intervencións analizaron asuntos como o impulso da codificación dos produtos pesqueiros por parte do sector distribuidor para mellorar a súa trazabilidade, a importancia das tecnoloxías na xestión dos produtos do mar no porto de Vigo ou os proxectos tecnolóxicos desenvolvidos pola Xunta para avanzar na xestión e garantir o seguimento en toda a cadea de valor da pesca.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 27/04/2021