A Xunta concede axudas a 39 concellos por un importe global de preto de 2,3 M€ para crear ou mellorar infraestruturas municipais

Estes incentivos están pensados para os municipios de menos de 20.000 habitantes, para colaborar nos seus proxectos de humanización e frear o despoboamento, mellorando a calidade de vida dos veciños

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver as axudas para crear ou mellorar infraestruturas municipais a un total de 39 concellos galegos, por un importe global de preto de 2,3 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se anuncia o esgotamento de crédito desta orde de axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

Esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

Cómpre recordar que -tal e como se recollía na orde da convocatoria-, as axudas concedidas equivalerían ao 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido).

As actuacións deberán cumprir coas recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará a acción neste eido nos vindeiros catro anos.

Aposta pola colaboración cos concellos

Cómpre subliñar que esta orde de subvencións, convocada por concorrencia non competitiva, enmárcase na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por manter liñas de colaboración directa cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística.

De feito, nos orzamentos de 2021 ten reservados máis de 7,4 millóns para actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.

Unha parte destes fondos destinarase a cofinanciar proxectos municipais a través da sinatura de convenios cos concellos no marco do Plan Hurbe, un programa posto en marcha en 2010 e a través do cal a Xunta executou ou ten comprometidas un total de 317 actuacións urbanísticas en máis dun cento de municipios; e a outra, á convocatoria da orde de axudas dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes que foi convocada hoxe.
 

 

Concello
Proxecto
Provincia A Coruña
Dumbría

Mellora das redes de abastecemento e saneamento no núcleo do Ézaro

Muros
Humanización da Rúa Real, 1º fase
ordes

Praza do centro sociocomunitario Isabel Zendal

Porto do Son

Humanización do tramo oeste da rúa Santa Irene

Santiso

Acondicionamento do espazo público en Felgueira

Teo

Aseos no campo de fútbol de Cacheiras

Trazo

Dotación da rede de augas pluviais no núcleo de O Pumar- Castelo

Ares

Humanización da plazuela dos Reales Alfolíes

Provincia de Lugo
Antas de Ulla

Humanización e mellora urbana da rúa General Portomeñe

Vilalba

Humanización da travesía dos Castros, dende o seu cruce coa rúa Calvario ata o cruce coa avenida da Terra Cha, no núcleo urbano de Vilalba

O Vicedo

Humanización e accesibilidade da zona dotacional do Vicedo

Trabada
Mellora na rúa Cotarelo
Pol

Mellora da seguridade vial no entorno urbano de Mosteiro

Guitiriz

Mellora da rede de saneamento entre as rúas Lagoas e rúa Xermolos

Cospeito

Travesía de Curros Enríquez e Paza Maior, Feira do Monte

Barreiros
Humanización do centro de San Cosme
Begonte

Instalación para subministro eléctrico a depósito de auga potable

Provincia de Ourense
O Carballiño

Humanización rúa Mirto coa renovación saneamento, pluviais, abastecemento e iluminación

Allariz

Renovación e acondicionamento parque infantil de Vilanova

Porqueira

Humanización de rúas en San Lourenzo

O Barco de Valdeorras

Abastecemento, saneamento e pavimentación en Os Nidos

A Veiga
Mellor de rúas en A Veiga
Boborás

Humanización do núcleo de A Vila (Pazos de Arenteiro)

Parada de Sil

Construción de beirarrúas en O Valado e Bouzas

Oímbra

Pluviais e beirarrúas en Pereiro de Videferre

O Irixo
Humanización travesía O Irixo
Esgos

Humanización da rúa Saramagal e o entorno

Cualedro

Pavimentación da rúa Aira dos Vintes e entrono da Fonte e Fonteíña na Xironda

Cenlle

Humanización de praza no núcleo de Laias

Castrelo do Val
Urbanización da rúa O Poulón
Vilar de Santos

Humanización e mellora na rúa do Forno e na rúa do Seixo

Provincia de Pontevedra
Vilanova de Arousa

Soterramento e mellora da eficiencia enerxética no casco urbano de Vilanova

A Cañiza
Mellora do vial en As Adegas
Crecente

Humanización e ensanche en camiño Capela- Quintela

Dozón

Obras de mellora na contorna da Casa Consistorial

A Lama

Humanización do camiño das Cocheiras

Mos

Mellora da urbanización de San Eleuterio

Oia

Humanización para o entorno do Centro sociocultural e vivendas de Loureza

Sanxenxo

Urbanización e reforma da praza en rúa Méndez Núñez- Portonovo

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/04/2021