O secretario xeral de Política Lingüística e o delegado territorial da Xunta na Coruña presentaron o concerto que acollerá o 6 de maio o Teatro Colón

O espectáculo ‘Jazzliza’ apoiado pola Xunta na Coruña conmemora as Letras Galegas a ritmo de jazz e poesía

A actividade enmárcase na programación do Goberno galego para o 17 de maio e conta coa colaboración do Conservatorio Superior de Música herculino

O programa ofrece unha ducia de textos senlleiros cun significado destacado na nosa literatura que abranguen desde mostras da Idade Media ata a Xeración Nós

A Coruña, 28 de abril de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participaron hoxe na rolda de prensa de presentación do espectáculo Jazzliza: a nosa voz de sempre nas nosas voces de hoxe. De Afonso X a Xela Arias, apoiado pola Xunta de Galicia no marco da programación conmemorativa Letras Galegas 2021 e que se celebrará o vindeiro xoves 6 de maio, ás 20,00h., no Teatro Colón da Coruña.

Os representantes da Administración autonómica felicitaron aos artistas promotores e colaboradores da iniciativa, que ofrece “un diálogo entre a música e a literatura escrita en galego desde a lírica medieval ata a poesía contemporánea, cun moi acertado aceno ás poéticas coruñesas”. Así mesmo, agradeceron áBig Band do Conservatorio Superior de Música (CMUS) herculino, “institución de referencia no jazz de Galicia”, a súa implicación coa festa da lingua galega participando neste espectáculo “que repasa os imprescindibles da poesía galega desde o jazz da man de artistas de primeiro nivel”.

Ademais de Valentín García e Gonzalo Trenor, na presentación participaron representantes do Concello da Coruña, da familia de Xela Arias e do Conservatorio Superior de Música da Coruña, así como o fotógrafo Xulio Gil, a poeta Ánxeles Penas e a cantante e compositora coruñesa Carmen Rey.

A proposta Jazzliza, na que a Xunta de Galicia colabora canda outras institucións, é unha proposta que combina jazz cunha ducia de textos senlleiros doutros tantos poetas galegos nunha panorámica histórica, baixo a dirección do pianista e compositor Alberto Conde, en colaboración coa Big Band do CMUS da Coruña, e con Silvia Alonso, Xurxo Fernández e Nilaila, Bea García, Carmen Rey, Diana Tarín e Xurxo Souto, entroutros artistas convidados.

Así, o programa ofrece unha selección de textos cun significado destacado na nosa literatura, abarcando un arco temporal e un abano de actitudes expresivas, desde a Idade Media ata a contemporaneidade, incluíndo mostras da Xeración Nós e de poéticas ligadas á cidade da Coruña –Curros, Fernán-Vello, Ánxeles Penas–, mostrando unha multiplicidade de perspectivas nas que se proxecta, como nun calidoscopio, a sensibilidade colectiva.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/04/2021