O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na clausura da asemblea xeral de Asime

Conde subliña que dixitalización e sustentabilidade son o binomio que vai marcar o desenvolvemento industrial de Galicia

Destaca que a transición ecolóxica non pode entenderse sen a transformación dixital dos nosos sectores produtivos

Avoga por establecer amplos espazos de cooperación e diálogo para identificar oportunidades, aliñar obxectivos e dar resposta aos grandes desafíos que trae consigo a economía poscovid

Sostén que os fondos europeos van ser a outra vacina para a reconstrución e insta a que se administren de forma eficiente sobre os sectores que máis o precisan e os que están chamados a protagonizar esta transformación do tecido produtivo galego
 

Vigo, 29 abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe en Vigo que a dixitalización e a sustentabilidade van ser un binomio inseparable que marcará o desenvolvemento industrial de Galicia porque a transición ecolóxica non pode entenderse sen a transformación dixital dos nosos sectores produtivos. Así o manifestou durante a súa intervención na clausura da asemblea xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), un sector que abrangue o 20% dos PIB galego.

Conde avogou por establecer amplos espazos de cooperación e diálogo a todos os niveis para identificar oportunidades, aliñar obxectivos e dar, así, resposta aos grandes desafíos que trae consigo a economía poscovid, vinculados á transformación dixital e ecolóxica. Nese proceso, abondou, hai sectores que van ir abrindo a senda e hai un instrumento que vai ser a chave: os fondos europeos Next Generation.

Segundo dixo, os fondos europeos van ser a outra vacina para a reconstrución. Por iso instou a que se administren de forma eficiente sobre os sectores que máis o precisan e os que están chamados a protagonizar esta transformación do tecido produtivo galego na vindeira década.

Automoción, naval e aeroespacial

Nesta liña, destacou a necesidade de mobilizar investimentos no sector da automoción para avanzar no ámbito da mobilidade sustentable, segura e conectada, que é o obxectivo do proxecto que a industria galega do motor presenta aos fondos Next Generation cun investimento de 1300 millóns, AutoAncora. Ao respecto, mencionou o bo comportamento deste sector en Galicia porque en 2020 marcou un récord histórico de produción, tirando do emprego e a facturación con crecementos do 1% e do 2%, respectivamente.

No caso do sector naval, considerou que, ademais dos proxectos que lideran as autoridades portuarias de Vigo e A Coruña, os fondos europeos tamén deben servir para fortalecer esta industria alí onde sexa necesario. Por exemplo, en Navantia en Ferrol, coa construción do dique seco ou o buque de aprovisionamento previsto mentres non dá comezo a construción das fragatas F-110. Tamén para financiar a renovación da flota pesqueira.

Con respecto ao sector aeronáutico, lembrou que o investimento que Galicia espera acadar nos vindeiros cinco anos é de máis de 500 millóns de euros para consolidar e seguir dando continuidade ao plan estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia que a Xunta promove no aeródromo de Rozas, en Castro de Rei (Lugo).

O vicepresidente económico concluíu subliñando que a principal demanda que a Xunta leva trasladando ao Goberno é que teña en conta a Galicia e que os proxectos e os sectores estratéxicos galegos poidan competir en igualdade de condicións que os de calquera outra autonomía.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/04/2021