O DOG publica hoxe tres convocatorias da segunda fase do proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo

Trátase de prazas incluídas xa na Oferta de Emprego Público de 2020 e de 2021 para a súa funcionarización
O 95% do persoal laboral fixo da Xunta solicitou acollerse a este proceso

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe tres convocatorias da segunda fase do proceso de funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo da Administración Autonómica. Trátase de prazas incluídas xa na Oferta de Emprego Público (OEP) do ano 2020 e do ano 2021 para a súa funcionarización.

As convocatorias publicadas recollen a funcionarización dun segundo bloque de categorías de persoal laboral fixo dos grupos I,II e III que equivalen aos subgrupos A1, A2 e C1 de persoal funcionario.

O proceso de funcionarización está previsto no Acordo de Concertación Social do Emprego Público de Galicia asinado entre a Xunta e os sindicatos en 2019. É un proceso de carácter voluntario que habilita ao persoal laboral fixo incluído no ámbito de aplicación do Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta que superou un proceso selectivo para ter esa condición de persoal laboral fixo, para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira a través dun procedemento específico. Estes profesionais seguirán ocupando o mesmo posto de traballo e non sufrirán perdas retributivas.

O 95% do persoal laboral fixo que presta servizos na Xunta de Galicia solicitou acollerse a este proceso de funcionarización. O proceso selectivo que deberá superar para converterse en funcionario será de concurso-oposición tal e como se establece no Estatuto do Empregado Público (EBEP). En todo caso, trátase dunha proba de características diferentes ás establecidas para un proceso selectivo ordinario pois non é un proceso competitivo como sucede nun proceso selectivo de acceso libre.

En consecuencia, este procedemento non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación voluntaria en funcionarios dos traballadores que xa teñen unha praza fixa na Administración como persoal laboral fixo. É dicir, o persoal laboral fixo poderá converterse en funcionario de carreira accedendo a unha escala equivalente á que actualmente ocupa.

A finalidade deste procedemento é unificar o réxime xurídico aplicable ao persoal que presta servizos na Administración da Xunta de Galicia, para eliminar así a disparidade de réximes xurídicos aplicables ao persoal e cumprir o principio xeral de que os postos de traballo nas administracións públicas deben ser desempeñados por persoal funcionario.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/04/2021