Máis de 200 hostaleiros de Lugo obteñen axudas da Xunta para acondicionar terrazas e facilitar a venda a domicilio

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que os apoios suman 1,6 millóns de euros e cobren o 80% do orzamento mobilizado polos establecementos

A capital lucense concentra a cuarta parte das achegas: 400.600 euros para 63 beneficiarios

O Goberno galego publica hoxe a ampliación de crédito do segundo Plan de rescate, que pasa dos 75 aos 96 millóns de euros

Lugo, 30 de abril de 2021
Compartir
  • whatsapp

Un total de 204 establecementos de hostalería da provincia de Lugo benefícianse do programa de axudas para o acondicionamento de terrazas e a compra de elementos de envasado para domicilio posto en marcha pola Vicepresidencia económica a Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que as axudas suman un importe total de 1.655.600 euros, e supoñen o 80% do orzamento mobilizado polos hostaleiros (2.069.500 euros).

A maior parte do investimento realizado destinouse á instalación de peches estables ou desmontables así como outros elementos móbiles tales como toldos, biombos, cortaventos, parasoles e tarimas accesibles. En concreto, mobilizáronse para este fin 1,2 millóns de euros.

Máis de medio millón de euros (529.200 euros) investíronse na adecuación estética e funcional das terrazas, mediante a renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e de aparatos calefactores exteriores, así como actuacións de mellora da fachada exterior do local.

Por último, 279.400 euros foron destinados á adquisición de elementos sostibles de envasado e empaquetado de comida e bebidas para o servizo de entrega a domicilio ou de recollida no propio local.

A cidade de Lugo concentra preto da cuarta parte dos apoios, con achegas que suman 400.615 euros para 63 establecementos beneficiados que realizaron investimentos por importe de 500.770 euros.

Máis orzamento para o Plan de rescate

Javier Arias gabou “o esforzo de adaptación que están a realizar os hostaleiros para poder exercer a súa actividade de xeito seguro, atendendo ás medidas sanitarias que seguen resultando imprescindibles para frear a pandemia”. O delegado destacou “a responsabilidade” coa que actúa o sector e sinalou que a Xunta “colaborou coa hostalería dende o primeiro momento e continúa realizando un esforzo orzamentario para axudarlles a superar os prexuízos que lles causa esta situación”.

Neste sentido, o delegado lembrou que hoxe mesmo a Consellería de Emprego e Igualdade publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a ampliación de crédito do segundo Plan de rescate, co que o orzamento inicial de 75 millóns de euros elévase ata os 96 millóns, para da liquidez a todos os negocios afectados pola pandemia.

A Consellería acomete este incremento orzamentario para dar resposta ao volume de solicitudes presentadas, prestando un apoio fundamental para que os empresarios afectados poidan saír da crise e adaptarse á nova normalidade, mantendo a actividade e os postos de traballo.

Con esta nova contía, a Xunta terá mobilizados 182 millóns de euros en axudas directas ao tecido empresarial mediante dous plans de rescate

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/04/2021