A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou hoxe no acto de presentación desta nova infraestrutura municipal

O concello de Maside estrea un servizo de punto limpo móbil grazas a unha subvención da Xunta de preto de 60.000 euros

O municipio ourensán foi un dos beneficiarios da orde convocada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en 2020 para financiar proxectos locais relacionados coa mellora da xestión dos residuos domésticos

Nos dous últimos anos, a Xunta axudou a financiar case un cento de actuacións relacionadas coa prevención, recollida e recuperación dos residuos domésticos

Maside (Ourense), 30 de abril de 2021
Compartir
  • whatsapp

O concello ourensán de Maside acaba de estrear un novo servizo de punto limpo móbil financiado grazas a unha subvención de preto de 60.000 euros concedida pola Xunta de Galicia.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, asistiu esta mañá ao acto de presentación desta nova infraestrutura municipal, un camión pequeno dotado con caixa e chasis con varios compartimentos para clasificar os diferentes tipos de residuos que lle permitirá ao concello achegar este servizo a todas as súas parroquias e núcleos de poboación.

Tras lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocou o ano pasado unha orde de axudas para proxectos municipais destinados a implementar novas medidas de xestión dos residuos, Sagrario Pérez explicou que, en total, o seu departamento destinará preto de tres millóns de euros a financiar 69 actuacións e iniciativas neste eido entre as anualidades 2020 e 2021.

De feito, o punto limpo móbil de Maside foi un dos proxectos seleccionados ao abeiro da devandita orde. Así, o Goberno local recibiu unha axuda da Xunta de 57.670 euros para adquirir un camión e unha grúa pequena para cargar grandes electrodomésticos e residuos voluminosos. O orzamento total do proxecto presentado polo concello ascendía a 73.000 euros, incluíndo tamén unha campaña de comunicación e sensibilización para promocionar o servizo, polo que o Goberno local achegou os 15.330 euros restantes.

Neste sentido, Sagrario Pérez felicitou ao alcalde pola iniciativa, que permitirá ofrecer á súa veciñanza, por primeira vez, un servizo gratuíto de recollida a domicilio de mobles vellos, restos de madeira, electrodomésticos, chatarra ou metais, entre outros.

Así, entre as vantaxes derivadas da implantación dun punto limpo móbil, subliñou que se mellorarán as ratios de recollida de residuos, evitaranse os puntos de vertido incontrolado e darase un novo servizo á cidadanía, tanto no rural como na zona urbana, establecendo unha ruta regular por varios puntos previamente seleccionados para que poidan ter acceso a un sistema cómodo e itinerante para o depósito de voluminosos e residuos perigosos.

Dúas liñas de actuación

A orde de axudas convocada en maio de 2020, de carácter bianual e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, establecía dúas liñas de actuación subvencionables ben diferenciadas.

A primeira, na que se inclúen entre outras medidas a adquisición de instalacións portátiles como a de Maside para mellorar e ampliar os servizos prestados pola rede galega de puntos limpos fixos, ten como obxecto favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización dos residuos domésticos, así como a posta a disposición da cidadanía de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (como mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, etc).

No marco desta liña, a Consellería outorgou un total de 26 subvencións: 19 delas para a instalación e posta en funcionamento de puntos limpos móbiles –catro deles na provincia de Ourense- e sete para implementar espazos de autorreparación e intercambio.

A segunda liña busca apoiar actuacións de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos (que representan máis do 40% do lixo que se xera nos fogares), entre os que encaixarían proxectos para o fomento da compostaxe in situ e a recollida separada da fracción orgánica a partir de contedores, elementos ou medios materiais que melloren a cantidade e calidade do servizo. Con cargo a esta segunda liña, concedéronse 8 axudas para recollida separada da fracción orgánica e 35 para proxectos de compostaxe in situ.

Grazas a este tipo de axudas, tal e como explicou hoxe a directora xeral, a Consellería apoia e colabora coas entidades locais no exercicio das súas competencias en materia de xestión dos residuos de orixe doméstica. De feito, ás 69 subvencións concedidas ao abeiro da orde de 2020, cómpre engadir as 30 iniciativas que xa apoiara con máis de 800.000 euros a través da convocatoria de 2019, polo que só nos dous últimos anos xa son case 100 as axudas outorgadas a entidades locais co mesmo obxectivo.

En 2021, a Xunta volverá apostar pola mesma vía de colaboración cos concellos para facilitarlles a xestión dos seus residuos, polo que está previsto convocar unha nova orde de axudas enmarcada no Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia, e conforme ao establecido na Estratexia Galega de Economía circular 2020-2030.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/04/2021