A Xunta e o Instituto Salvador de Madariaga renovan a súa colaboración no eido do dereito marítimo internacional e europeo

O Executivo galego e a Universidade da Coruña, da que depende o Instituto de Estudios Europeos Salvador de Madariaga, asinaron hoxe un novo protocolo para seguir desenvolvendo iniciativas conxuntas neste ámbito

Un exemplo desta cooperación, que xurdiu no ano 2010, son os informes realizados sobre as consecuencias e implicacións xurídicas do brexit para a pesca galega

A colaboración renovada hoxe terá unha vixencia de tres anos con posibilidade de prórroga e contará cunha comisión de seguimento para canalizar as relacións entre as partes asinantes

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

A Xunta e o Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña intensifican e dan continuidade á súa colaboración en materia de dereito marítimo internacional e europeo cun novo convenio asinado hoxe entre a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o director xeral da Asesoría Xurídica Xeral do Executivo galego, Manuel Pillado, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.

Grazas a este protocolo o Executivo galego e o centro Salvador de Madariaga seguirán desenvolvendo iniciativas conxuntas en temas relacionados co dereito internacional e europeo do mar, impulsando así a cooperación desde perspectivas de asesoramento, docencia e investigación.

Estas iniciativas plasmaranse na realización de programas de investigación, promoción de certames e congresos, estudos, edicións de publicacións e outras actividades de interese. Un exemplo desta cooperación, que as partes manteñen desde o ano 2010, son os informes realizados polo Instituto Salvador de Madariaga por encargo da Xunta sobre as consecuencias e implicacións xurídicas do brexit para a pesca galega

Para a Xunta reforzar e seguir estreitando lazos no ámbito da regulación mariña e pesqueira a nivel europeo e internacional é fundamental co obxectivo de compilar argumentos para defender os intereses do sector marítimo-pesqueiro ante as institucións europeas nas que se toman decisións que afectan ao futuro da pesca galega. De aí que se renove esta colaboración co convenio asinado hoxe, que terá unha vixencia de tres anos con posibilidade de prórroga.

Ademais hai que lembrar que o centro Salvador de Madariaga é, a día de hoxe, o único instituto universitario de estudos europeos que hai en Galicia. Ten como finalidade favorecer a promoción e o desenvolvemento do coñecemento e da investigación científica sobre os aspectos máis útiles da realidade internacional e europea, así como o ensino dos estudos internacionais e europeos. Destaca pola atención que presta desde as perspectivas docente, investigadora e de asesoramento aos temas de Dereito Internacional e Europeo do Mar, o que supuxo que fose recoñecido como Centro de Excelencia Jean Monnet no período 2000-2016.

As relacións entre as partes asinantes canalizaranse na comisión de seguimento creada para tal fin e formada pola secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, o director xeral da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta e o director do Instituto Universitario de Estudios Europeos Salvador de Madariaga.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 30/04/2021