A Xunta dedicará este ano 2,6 millóns de euros ao programa de fomento da igualdade laboral, a conciliación, o teletraballo e a responsabilidade social nas empresas

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, dirixiu hoxe un novo curso en liña dirixido a autónomos e pequenas empresas sobre os plans de igualdade

A Xunta desenvolve un plan formativo para guiar ás organizacións a implantar novas medidas de obrigado cumprimento e avanzar na igualdade salarial

A formación básica en igualdade conta con 500 inscritos para maio e terá continuidade no mes de xuño cun novo curso de 8 horas
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha impartiu hoxe por videoconferencia desde Santiago de Compostela a webinar Rexistro e auditoría salarial - Plans de Igualdade organizada pola Xunta en colaboración coa Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia), na que ofreceu información sobre a igualdade retributiva e a súa aplicación práctica no seo das organizacións.

Mancha puxo en valor na súa intervención ante o medio centenar de inscritos na webinar de hoxe, o compromiso da Xunta coa dotación de recursos públicos e apoios para os plans de igualdade. De feito o programa de fomento da igualdade laboral, da conciliación, o teletraballo e para a implantación de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) contará este ano cunha inxección de 2,6 millóns de euros.

Tal e como reseñou a directora xeral o Goberno galego traballa de xeito decidido para “dar cumprimento á Estratexia galega da RSE e para avanzar no respecto aos obxectivos da igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, das persoas traballadoras”.

Formación en igualdade laboral

A Xunta está a desenvolver, por outra banda, un completo plan formativo que con actividades como a de hoxe, permite afondar nas obrigacións que esixe a lexislación vixente para poñer en marcha o rexistro e a auditoría, a revisión da estrutura salarial interna da empresa ou as vantaxes de implantar Plans de Igualdade nas pequenas e medianas empresas.

Como autoridade laboral, a Xunta está a vixiar o cumprimento da aplicación dos principios de transparencia retributiva e de igual salario por traballo de igual valor. Deste xeito, a Consellería de Emprego e Igualdade está a axudar ás empresas a emprender o camiño cara ao novo marco, poñendo énfase na formación e nos apoios para a adaptación das organizacións á normativa e estender ás organizacións ferramentas como o rexistro de retribucións por sexo.

Unha das actividades con maior demanda, está a ser o curso 8 horas de formación en igualdade que vai pola súa terceira edición con 500 participantes previstos para o mes de maio e unha cuarta edición prevista para os días 8 a 29 de xuño que ten o prazo de solicitude aberto. A Consellería de Emprego e Igualdade promove a información ao respecto a través da nova web: http://www.aigualdadelaboral.gal.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/04/2021