O conselleiro do Medio Rural reuniuse co alcalde deste municipio coruñés para coñecer as necesidades dos seus veciños

A Xunta reforza a colaboración co concello de Mañón para a prevención e defensa contra os incendios forestais

No ano 2021 Mañón beneficiarase dunha achega, por parte da Xunta, de case 79.000 euros no marco do convenio anual entre a Consellería e os municipios galegos para a loita fronte o lume

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse co alcalde de Mañón, Alfredo Dovale, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio coruñés. Na xuntanza, ambos avanzaron na colaboración en materia de prevención de incendios forestais, entre outros asuntos.

Así, o conselleiro puxo en valor o feito de que Mañón teña asinado o convenio de colaboración coa Xunta, correspondente a 2021, para a incorporación de dúas brigadas municipais aos labores de prevención e extinción de lumes, así como para a integración da motobomba municipal no operativo autonómico anti incendios e para a realización de traballos preventivos de roza. Por estes conceptos, a Consellería do Medio Rural achegaralle este ano ao Concello preto de 79.000 euros, idéntica cantidade á correspondente á anualidade de 2020.

Ademais, na reunión -na que tamén participaron os directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros- abordáronse outras cuestións relacionadas coa mellora do agro neste municipio, vinculadas ao impulso da gandaría de vacún en extensivo ou ao desenvolvemento das infraestruturas rurais no concello. Así, avaliouse a posibilidade de acondicionar un pasteiro, dentro do plan de pastos da Consellería, cunha superficie de arredor de 80 hectáreas, entre outras iniciativas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 02/05/2021