O Sergas publica os aspirantes seleccionados no concurso oposición de diversas categorías e abre o prazo de elección de destinos nas localidades e áreas para dez categorías

O número de aspirantes convocados é de 1.474, que se incorporarán en breve ao cadro de persoal fixo do Sistema Público de Saúde de Galicia

As categorías con maior número de prazas son a de técnico en coidados auxiliares de enfermería con 772, médico de familia con 254 e persoal de servizos xerais con 126 prazas

A elección de destino será telemática a través de Fides/expedient-e, evitando o desprazamento dos aspirantes á sede do órgano convocante

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a relación de aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de enfermeiro especialista en enfermería do traballo, enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, enfermeiro especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica, enfermeiro especialista en enfermería de saúde mental, fisioterapeuta, médico de familia, odontólogo, pediatra de atención primaria, persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería, e se inicia o prazo para a elección de destino.

Son un total de 1.474 aspirantes que, en breve, se incorporarán ao cadro de persoal fixo do Sistema Público de Saúde Galego. Do total de aspirantes seleccionados, 254 corresponden á categoría de médico de familia, 93 á de pediatra de atención primaria, 7 á de odontólogo e 126 á de persoal de servizos xerais, que reforzarán a atención do primeiro nivel asistencial. Un total de 71 pertencen á categoría de fisioterapeuta e 772 á de técnico en coidados auxiliares de enfermería, dos cales nesta última categoría 11 accederon pola quenda de discapacidade intelectual.

Completan a relación de seleccionados, un total de 151 enfermeiros especialistas das especialidades de enfermería do traballo (2), enfermería familiar e comunitaria (30), enfermería obstétrico-xinecolóxica (89) e enfermería de saúde mental (30).

Coa finalización destes procesos selectivos dáse cumprimento aos compromisos adquiridos por esta Administración de estabilizar e reforzar as estruturas asistenciais do nivel de atención primaria. Con esta incorporación, acádase o 90% de persoal fixo nas categorías profesionais de médico de familia e odontólogo, e do 94% na categoría de pediatra. Outro dos compromisos é avanzar na integración laboral das persoas con discapacidade intelectual así como no desenvolvemento do Decreto 81/2016, do 23 de xuño, polo que se creou no ámbito do Sergas a categoría estatutaria de enfermeiro especialista, coa progresiva dotación de prazas e a incorporación a estas de persoal fixo en condicións de pleno recoñecemento profesional, sendo Galicia pioneira no desenvolvemento e resolución de procesos para o acceso á condición de persoal fixo de especialidades como a enfermería familiar e comunitaria, acadándose, nesta categoría, que o 63% dos profesionais sexa persoal fixo.

Os aspirantes disporán dun prazo de dez días hábiles, comprendido entre o 3 e o 14 de maio próximos para seleccionar os destinos ofertados por orde de prelación.

Procedemento

A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme as bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020. A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información á persoa aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel. A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.

O aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.

Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

Este novo procedemento, aplicado por primeira vez o pasado ano nos procesos selectivos para o acceso ás categorías de enfermeiro, celador e grupo auxiliar da función administrativa, supón un avance no dereito dos cidadáns de relacionarse electronicamente coas administracións públicas e redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos.

Ademais, evita o desprazamento dos aspirantes seleccionados á sede do órgano convocante, circunstancia que resulta de especial relevancia no contexto sanitario actual derivado da pandemia, que aconsella minimizar, evitando na medida do posible, os actos presenciais que concentren un importante número de persoas, á vez que asegura a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios permitindo que os profesionais convocados á elección de destino poidan continuar co desenvolvemento ordinario da súa prestación laboral, sen necesidade de ter que proceder á substitución de tales profesionais, como acontecía coa modalidade presencial.

Como excepción, os aspirantes seleccionados na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería pola quenda de discapacidade intelectual disporán dun procedemento adaptado. Neste suposto, a elección de destino deberá realizarse a través dun formulario normalizado no que o aspirante, logo de cubrir os seus datos persoais, seleccionará os destinos ofertados por orde de maior a menor preferencia, identificados polo concello onde están situados e que logo deberá presentar nun rexistro administrativo. Este formulario, en modelo editable, estará a disposición das persoas aspirantes na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Os aspirantes eleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/04/2021