A Demarcación Hidrográfica é a primeira de España en presentar este documento, que debe ser aprobado este ano

A Xunta inicia a fase de consulta pública do novo Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027, que optimiza a xestión integral da auga ante os retos do cambio climático

O DOG publica hoxe o inicio do proceso de participación que permite a presentación de suxestión e achegas durante os vindeiros 6 meses, ata o 30 de outubro

A nova planificación inclúe un amplo programa de medidas que mobilizarán 1.900 M€ para a conservación do bo estado das masas de augas, que se amplían ata as 503 e inclúen os lagos artificiais das Pontes e de Meirama

O documento parte de que o 78% das masas de auga da Demarcación están en estado “bo ou mellor que bo” e fixa como obxectivo acadar esa consideración no 100%

Tras as achegas e suxestións recibidas elaborarase o documento definitivo que será elevado ao Consello da Xunta para a súa aprobación, antes de ser aprobado como Real Decreto polo Consello de Ministros

A planificación hidrolóxica é a ferramenta básica de programación, xestión e ordenación dos recursos hídricos, que se revisa e actualiza en ciclos de 6 anos, como fixa a normativa europea

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, inicia hoxe a fase de consulta pública da proposta do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa 2021-2027, que optimiza a xestión integral da auga ante os retos do cambio climático.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da apertura do proceso de participación, que se prolongará durante os vindeiros 6 meses, ata o 30 de outubro. O obxectivo é acadar a máxima participación e que todas as persoas ou institucións interesadas poidan presentar suxestións, que serán tidas en conta no documento final. No seguinte enlace pode consultarse a información do DOG: https://xurl.es/9xtpy

A Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa é a primeira de España en presentar a consulta pública o borrador deste instrumento de planificación que permite incorporar os cambios que rexerán a xestión e protección das bacías hidrográficas e os seus recursos hídricos para o período 2021-2027.

Destaca no borrador do Plan Hidrolóxico de Galicia Costa 2021/2027 o completo programa de medidas e actuacións previstas para desenvolver por todas as administracións con competencias, que supoñen mobilizar 1.900 millóns de euros nestes vindeiros anos.

No novo documento inclúese a avaliación da situación das distintas masas de auga de demarcación, partindo de que, en termos xerais, o 78,5% das masas de auga da Demarcación están nun estado bo ou mellor que bo, fixando como obxectivo do novo Plan acadar o 100% das masas de auga en bo estado para o ano 2027.

Así, segundo a actualización do estado das masas de auga, que se divide nas augas superficiais e subterráneas, o novo Plan da Demarcación Galicia Costa amplía o seu número, que pasa de 485 no ciclo 2014-2021 ás 503 de este novo período, incluíndo entre as novas masas, os lagos artificiais das Pontes e de Meirama.

A planificación hidrolóxica

A planificación hidrolóxica é a ferramenta básica de programación, xestión e ordenación dos recursos hídricos e dos ecosistema acuáticos da demarcación que se revisa e actualiza en ciclos de 6 anos, como fixa a propia normativa europea. Para iso, durante os últimos 3 anos Augas de Galicia estivo a elaborar todos os documentos previos, tanto os Documentos Iniciais como o Esquema de Temas Importantes, que completaron os correspondentes procesos de participación.

A consulta pública do borrador do novo Plan constitúe unha das últimas fases no proceso de elaboración do mesmo. Tras recibir e analizar as achegas e suxestións recibidas, elaborarase o documento definitivo, que deberá ser autorizado polo Consello Reitor de Augas de Galicia para ser elevado logo ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

O Plan Hidrolóxico Galicia Costa deberá ser informado tamén polo Consello Nacional da Auga e completar a súa aprobación definitiva como Real Decreto por parte do Consello de Ministros, que se espera que sexa neste mesmo ano. Tras superar estes trámites o Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2021-2027 deberá ser remitido á Unión Europea a través do Goberno de España.

Data de actualización: 30/04/2021