Aberta a manifestación de interese da Xunta para a implantación de novos centros de I+D empresarial en Galicia

Ten como obxectivo, dentro do espírito de afondar na colaboración público-privada, coñecer as propostas de potenciais empresas interesadas e ao mesmo tempo contar coa información necesaria para que o Goberno galego poida deseñar posteriormente instrumentos de apoio axeitados

Os centros de I+D que se propoñan deberán supoñer un investimento mínimo en Galicia de 10M€ e a creación de polo menos 30 empregos

A Vicepresidencia económica, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), aspira con esta iniciativa acceder aos fondos europeos e coincide co proceso de elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia

As entidades interesadas xa poden enviar os seus proxectos ata o próximo 31 de maio ao correo electrónico innovacion.gain@xunta.gal

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2021

A Xunta de Galicia informa de que xa está aberto o prazo de presentación para a nova manifestación de interese coa que se busca estudar a localización e implantación de novos centros de I+D empresarial en Galicia. Preténdese así seguir afondando nun modelo económico baseado no coñecemento, máis resiliente e que promova sectores altamente tecnolóxicos e especializados, á vez que axuda aos sectores máis maduros a evolucionar cara a unha economía máis innovadora.

A iniciativa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), busca identificar potenciais empresas interesadas en establecer os seus centros de I+D en Galicia e coñecer as súas propostas; así como obter información sobre as necesidades do ecosistema de innovación para poder estudar posteriormente a posibilidade de definir os instrumentos de apoio máis axeitados. Unha vez máis, Galicia apostará pola colaboración público-privada para deseñar de xeito conxunto os instrumentos que acompañen na reactivación económica tras a crise da covid-19.

As manifestacións de interese poden presentarse ata o 31 de maio a través do mail innovacion.gain@xunta.gal e todas as propostas consideraranse confidenciais. Gain analizará as iniciativas pero a participación neste proceso non dará prioridade nas convocatorias de axudas que se poidan abrir con posterioridade e que terán como obxectivo a instalación de centros de I+D empresarial en Galicia, converténdoa nunha rexión referente en Europa. Así, a atracción de grandes industrias contribuirá a xerar coñecemento e completar cadeas de valor na Comunidade, exercendo un efecto tractor sobre o ecosistema de innovación.

As propostas que finalmente se presenten deben cumprir os seguintes requisitos: o centro de I+D ten que contar con dependencias situadas en Galicia perfectamente delimitadas, identificadas e diferenciadas das do resto da entidade; deberá acoller en Galicia un mínimo de 30 traballadores; as actividades estarán enmarcadas nos campos prioritarios da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia; apostará pola investigación e o desenvolvemento tecnolóxico en eidos como a eficiencia enerxética, a mellora da sustentabilidade do seu proceso ou produto, a descarbonización da actividade, a incorporación de aspectos de economía circular, o mellor aproveitamento de recurso ou a dixitalización da cadea de valor; o orzamento mínimo de cada proposta será de 10M€; e a vixencia e operativa do centro de I+D en Galicia deberá de ser de polo menos 5 anos.

Esta iniciativa enmárcase nas prioridades fixadas nos fondos europeos Next Generation co obxectivo de apoiar iniciativas no eido da I+D que promovan emprego e investimento na Comunidade. Ademais, coincide co proceso de elaboración da Estratexia RIS3 de Galicia para o período 2021-2027 que prevé un maior investimento en I+D. De feito, trátase dun eido de actuación cada vez máis prioritario para o Goberno da Xunta, que no orzamento deste ano destina 227,5 millóns de euros, un 60% máis que en 2009.

O gasto en I+D público e privado en Galicia aumentou un 6,2% no ano 2019, dous puntos por riba da media estatal. Este incremento, ademais de consolidar unha tendencia á alza desde 2014, permitiu acadar os niveis máis altos de toda a serie histórica na Comunidade, tanto a nivel de investimento (627,2 millóns de euros) como de persoal en I+D (11.085 persoas) e investigadores (6.724).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/05/2021