Valeriano Martínez subliña que o novo Plan galego de estatística 2022-2026 afondará na transparencia, na calidade e na accesibilidade da información

O conselleiro de Facenda e Administración Pública presidiu hoxe o pleno do Consello Galego de Estatística

O novo plan estatístico aposta tamén por reducir os tempos de resposta, achegar puntualidade para as tomas de decisións e reducir custos
 

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2021

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, presidiu hoxe o pleno do Consello Galego de Estatística onde subliñou que o novo Plan Galego de Estatística 2022-2026 afondará na transparencia, na calidade e na accesibilidade da información.

Un dos obxectivos principais para este período será o de integrar a información administrativa nos procesos estatísticos, de xeito que non sexa necesario solicitar de novo aos cidadáns aquela información que xa está a disposición das Administracións tal e como se recolle na Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Esta iniciativa permitirá ademais, reducir os tempos de resposta, achegar puntualidade para a toma das decisións e reducir os custos.

Por outro lado, o novo Plan reforzará o uso das fontes de información masiva vencelladas á dixitalización e apostará pola interoperabilidade entre as Administracións para incrementar a eficiencia e a accesibilidade coa difusión da información a través de formatos reutilizables. Igualmente recolle como novidades a xeración de información relacionada co seguimento das políticas públicas e cos obxectivos da Axenda 2030.

Código de conduta do Sistema Estatístico Europeo

O Plan Galego de Estatística 2022-2026 asumirá o código de conduta do Sistema Estatístico Europeo, polo que a organización estatística da Xunta estará sometida aos seus principios entre os que están, a independencia profesional do persoal estatístico, a imparcialidade ou a obxectividade da información.

Tamén quedará recollido expresamente o compromiso do Goberno galego co principio de calidade que inclúe aspectos como a pertinencia, a precisión, a puntualidade e a transparencia da información estatística.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/04/2021