O número de empresas tecnolóxicas e de contidos creceu en Galicia un 4,5 por cento, fronte ao 0,1 por cento da media española

O Hipersector TIC galego conta con 24.393 persoas empregadas afiliadas á Seguridade Social, un 0,2% máis que o ano anterior.

As empresas tecnolóxicas e de contidos galegas exportaron bens por valor de 95 millóns de euros

O 22,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores realizaron algún tipo de actividade innovadora

No 2019, as empresas galegas destinaron máis de 627 millóns de euros a gastos internos de I+D, o que supón un incremento do 6,2% con respecto ao ano anterior

Santiago de Compostela 1 de maio de 2021

O Hipersector TIC galego pechou o ano 2020 con 24.393 traballadores, o que representa un crecemento do 0,2% respecto do ano anterior. Comparativamente, o Hipersector TIC é un dos sectores económicos máis resilientes na actual conxuntura marcada pola COVID-19, e incluso pódese dicir que crea emprego. O incremento de emprego concéntrase no sector TIC, que conta con 19.343 traballadores, experimentando un crecemento do 1,9% no período 2019-2020, mentres o sector Contidos sitúase nos 5.050 empregados/as. Son as cifras recollidas no Estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Amtega.

O informe indica tamén que no ano 2019 estaban rexistradas en Galicia un total de 3.830 empresas dedicadas a actividades adscritas ao Hipersector TIC, cun crecemento do 4,5% no último ano. Este incremento é moi superior á media do conxunto do Estado (0,1%) e mantén a Galicia na quinta posición estatal por número empresas deste segmento, unicamente superada por Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana. Cabe salientar o crecemento sostido no número de empresas do Hipersector TIC galego nos últimos anos, acumulando un aumento de máis dun 15% dende o ano 2015.

A análise dos dous sectores que conforman o Hipersector TIC indica que: o sector TIC acada as 2.897 empresas, un 4,1 % máis que o ano anterior e representa máis do 75% do total do Hipersector TIC. Pola súa banda, o sector Contidos experimenta un crecemento do 5,8% e sitúase en 933 empresas.

Incremento do valor engadido bruto do Hipersector TIC

O informe sinala que o valor engadido bruto (VEB) do Hipersector TIC galego aumentou un 2,5% no último ano e supera os 1.744 millóns de euros, o que representa o 2,8% do PIB galego. O VEB no Hipersector TIC creceu un 20% respecto ao ano 2015, en consonancia co incremento observado na demografía empresarial e no emprego.

A balanza comercial do Hipersector TIC deixou en Galicia máis de 95 millóns de euros en exportacións no ano 2019. Pola súa banda, as importacións acadaron practicamente os 136 millóns de euros.

A fabricación de equipos de telecomunicacións (CNAE 26.3) é a actividade que acada unha maior cifra de exportacións, con máis de 49 millóns de euros, o que supón o 51,3% do total de exportacións do Hipersector TIC de Galicia

A innovación e a I+D no tecido empresarial galego
O informe tamén analiza a actividade innovadora entre as empresas de 10 ou máis empregados/as, utilizando os últimos datos dispoñibles das enquisas de innovación e I+D do INE.

No período 2017-2019, 1.665 empresas galegas de 10 ou máis traballadores/as realizaron algún tipo de actividade innovadora, o que representa o 22,4% das empresas galegas deste volume de emprego. Galicia ocupa así a sexta posición no ranking estatal de empresas innovadoras.

As empresas galegas de 10 ou máis empregados/as acadaron un gasto en actividades innovadoras de 760 millóns de euros no ano 2019. En canto ao gasto tecnolóxico para realizar actividades de innovación das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as, unha de cada tres mercaron tecnoloxía xa coñecida pola empresa ou unha actualización da preexistente, superando a media estatal en 3,2 puntos porcentuais. No caso de compra de nova tecnoloxía, o 6,9% das empresas galegas mercaron nova tecnoloxía, non utilizada previamente pola empresa

No ano 2019, as empresas galegas destinaron máis de 627 millóns de euros a gastos internos de I+D, o que supón un incremento do 6,2% con respecto ao ano anterior. Galicia permanece na sétima posición das Comunidades que máis investiron en I+D respecto ao conxunto estatal. O número de traballadores/as en I+D en Galicia acada os 11.085 empregados/as, 454 máis que o ano anterior, o que representa un incremento do 4,3%.

Máis especificamente, no Hipersector TIC, a porcentaxe de empresas de 10 ou máis empregados/as con actividades innovadoras no período 2017-2019 é do 36,2%. O gasto en innovación en Galicia do Hipersector TIC ascendeu neste período a máis de 126 millóns de euros. Máis da metade (50,7%) das empresas do Hipersector TIC de 10 ou máis empregados/as con actividades innovadoras consideran que as innovacións nos seus procesos de negocio cumpriron ou superaron as expectativas xeradas.


Distribución do emprego por provincias e xénero
A análise provincial indica que A Coruña, cun 58,2%, e Pontevedra, cun 28,1%, seguen a ser as que concentran un maior número de traballadores do Hipersector TIC.

Respecto á actividade onde se rexistrou o maior incremento de traballadores/as no último ano, destaca o das “Actividades da tecnoloxía da información”, que aumentou un 5,9%, superando os/as 12.100 traballadores/as.

A análise do emprego segundo o xénero no Hipersector TIC indica que un 67,4% son homes fronte a un 32,6% de mulleres. Esta fenda de xénero faise máis patente no sector TIC, no que a porcentaxe de mulleres é do 30,4% mentres que no sector contidos, as mulleres representan o 41,2%.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza
Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/05/2021